O alcalde e o concelleiro de Educación deséxanlles un excelente inicio de curso “aos nenos e nenas que nos van gobernar no futuro e que se van responsabilizar do planeta

197
  • Lores e Fernández visitan os colexios de Marcón e A Xunqueira I no primeiro madrugón escolar e volven reivindicar que a Xunta asuma as competencias que lle corresponden en materia educativa

Os nenos e nenas matriculados nos 21 centros educativos de Pontevedra amenceron esta mañá con esa mestura de nervios, entusiasmo, ledicia e, ao mesmo tempo, certa tristura (polo fin das vacacións de verán), que caracterizan ao primeiro madrugón deste curso 2022-2023. Tal e como marca a tradición, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, decidiron acompañar aos rapaces e ás súas familias neste inicio escolar, achegándose ata un colexio emprazado no rural, o CEIP Marcón, e a un situado no casco urbano, o CEIP A Xunqueira I, para desexarlles un excelente regreso ás aulas que converterán a estes pequenos pontevedreses nos nosos bos cidadáns e profesionais do futuro.

Tras compartir un ratiño co alumnado de Infantil e Primaria de ámbolos centros, o rexedor municipal asegurou que “a principal diferenza deste inicio de curso con respecto a outros anos é a perda de alumnos de Primaria, en gran parte pola baixa natalidade que se rexistrou a raíz das crises de 2008 e 2010”, o que “de momento non é preocupante, porque non se pecha ningún colexio e baixa a ratio de alumnos por aula, o cal non é malo, pero si se traduciu na perda dalgunhas liñas de Primaria (caso do CEIP A Xunqueira I)”. Segundo lembrou Fernández Lores, “o Concello ten unhas responsabilidades educativas relativas e complexas, porque non nos gustan esas competencias impropias ou compartidas, que complican moitísimo a xestión”. “O normal -apuntou- é que cada administración atenda desde o punto cero, o persoal, ata os equipamentos, e aquí temos unhas competencias en mantemento, que non se sabe moi ben o que é o mantemento e o que non o é, e que xeran algún problema. En todo caso, desde o Concello estamos tentando cubrir tódalas necesidades posibles”.


O alcalde destacou o entusiasmo do alumnado, xa que “vese que teñen interese en volver a clase, vinos moi animados a todos, fixeron moitas actividades no verán e, a partir de agora, desexarlles aos equipos docentes que fagan o seu traballo ben, porque a educación é fundamental para ter unha sociedade máis culta, xusta e solidaria”. “Estes nenos e nenas -engadiu Lores- son os que dalgún xeito nos van gobernar no futuro e os que se van responsabilizar do planeta, e é importante que estean sensibilizados co traballo e a corresponsabilidade”.


Pola súa banda, o concelleiro de Educación explicou que o Concello conta cunha partida de 250.000 euros para realizar obras de mantemento nos centros escolares do municipio, “achega que sempre temos que ampliar porque son 21 colexios e temos, como dicía o alcalde, dificultades para diferenciar o que é mantemento do que é mellora”. Como apuntou o edil do PSOE, “as nosas competencias se limitan a mantemento, tratamos de darlle a maior dignidade posible aos colexios desde as nosas responsabilidades, este ano foron executadas en case todos actuacións de pintado de aulas, limpeza de canalóns ou creación de novos parques infantís (caso dos CEIP Marcón e A Xunqueira I), e aquelas obras que se poidan compatibilizar coas clases seguirán a facerse ao longo de todo o ano”.


En relación coa perda de alumnado, a directora do CEIP A Xunqueira I, Susana Diéguez, afirmou que leva “un montón de anos aquí, desde o 2003, comezaron con 300 e pico alumnos e “tiñamos dúas liñas de 25 alumnos tanto en Infantil como en Primaria, sen case espazo para as clases, e agora atopámonos con tres aulas de Infantil e unha de primeiro”. “Se as cousas seguen así -matizou- subirá ao curso que vén unha aula de segundo, o que é preocupante para nós, xa que deste xeito pérdese tamén profesorado”.