A Copa Concello de Pontevedra poralle esta fin de semana o colofón á tempada de petanca cunha apaixonante final a catro que disputarán O Mirador, O Carballo, O Pote e Petanca Marín nas novas pistas de Monte Porreiro

94
  • Tino Fernández subliña o espectacular crecemento deste deporte durante os últimos anos e as actuacións levadas a cabo pola Concellería de Deportes para incrementar de 17 a 26 pistas a rede de campos do municipio, no que apenas quedan tres parroquias sen terreos de xogo propios

A Copa Concello de Pontevedra poralle este sábado 10 de setembro a partir das 16:00 horas o colofón á tempada de petanca 2021-2022 cunha apaixonante final a catro que se disputará nos novos campos do parque da Praza de Europa (en Monte Porreiro) e para a que clasificaron o equipo anfitrión, O Mirador, O Carballo (da zona dos Campos, Mourente), O Pote (de Os Areáis, de Mourente) e o Petanca Marín. O torneo, organizado pola Agrupación de Petanqueiros de Pontevedra en colaboración coa Concellería de Deportes, concluirá arredor das 19:00 horas coa entrega dos trofeos aos tres primeiros clasificados dos campionatos da Liga (rematada en maio) e Copa desta tempada na Casa da Cultura de Monte Porreiro.

O evento foi presentado esta mañá no Concello nun acto protagonizado polo tenente de alcalde, Tino Fernández; o secretario da Agrupación de Petanqueiros, Ángel Mario Lago, e os delegados do colectivo José Manuel Dopazo e Bernardo Dios. Tal e como subliñou Fernández, “se hai un deporte que ao longo destes dous ou tres últimos anos tivo un crecemento espectacular en Pontevedra ese é o da petanca, que ata hai non tanto era o grande descoñecido e que pouco a pouco foi entrando dentro da vida das persoas ata converterse como un dos deportes de referencia no noso concello”.


“De feito, e a raíz dese crecemento -apuntou o edil do PSOE-, desde o Concello iniciamos un proxecto de ampliación da rede de campos de petanca, construíndo nove pistas máis, das que xa están rematadas ou a piques de rematar seis delas (as tres que faltan realizaranse nas vindeiras semanas): ademais das dúas de Monte Porreiro, en Pontevedra Leste (na rúa dos Soutos, no barrio da Parda), en Mourente (Cons), Ponte Sampaio (A Ballota), Salcedo, Verducido (inmediacións da igrexa), Estribela (do lado do parque infantil de Marqués de Valterra) e Marcón (na zona do campo da festa)”. Deste xeito, en paralelo a un aumento exponencial no número de persoas que practican o deporte, a dotación de campos de petanca pasará de 17 a 26 terreos de xogo en tan só un ano, quedando apenas tres parroquias sen pistas propias: Tomeza, Campañó, A Canicouva e Lérez (que tería sen embargo moi próximas as do Burgo).


Neste sentido, o concelleiro de Deportes constatou que “mesmo naqueles lugares nos que non existía afección pola petanca, o feito de que se creasen pistas de xogo fixo que xurdira xente disposta a practicalo, e o caso máis significativo é o dos campos que se fixeron na zona do Burgo, onde non había referencias de practicantes, e desde que se abriron ao público, cada vez que un pasa por detrás do Pavillón dos Deportes pode ver xente xogando e mesmo hai equipos constituídos”. “A rede -vaticinou Tino Fernández- vai seguir crecendo o vindeiro ano”.
Para o tenente de alcalde, “a petanca ten, ademais do exercicio físico e de seren un hábito de vida saudable, un elemento de empatía, de relación entre as persoas, de socialización, que é moi importante e que non se dá con tanta intensidade noutros deportes”, polo que o torneo do sábado será tamén “unha festa e un encontro entre os xogadores de petanca”. 


O secretario da Agrupación de Petanqueiros de Pontevedra explicou que os catro equipos que se disputarán esta Copa Concello de Pontevedra e que estrearán oficialmente as novas pistas da Praza de Europa clasificáronse nas fases eliminatorias celebradas nos meses de xuño e xullo. Segundo indicou Ángel Mario Lago, o acto de entrega de trofeos que terá lugar na Casa da Cultura de Monte Porreiro “servirá non só para pechar a nova tempada, senón tamén para darlle benvida á nova, xa que nós non paramos e temos previsto iniciar xa a Liga o 1 de outubro”. 
“Estamos encantados co crecemento do noso deporte. Comezamos practicamente con seis equipos -sinalou Lago- e agora somos 14 e xa hai perspectivas de que se van multiplicar, porque temos encamiñadas as negociacións con algunhas asociacións para crear equipos en zonas de Pontevedra nas que non existen”.