A troula regresa ao Mercado de Abastos tralas vacacións cunha nova edición do programa de lecer infantil O Ganapán

16
  • A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, anuncia que “todos aqueles rapaces e rapazas interesados en participar nos talleres inaugurais desta fin de semana poderán inscribirse a partir de mañá ás 9:00 horas”

Elaborar deliciosos e saudables petiscos a partir de receitas con marcado sabor italiano e confeccionar orixinais reloxos de pulseira e divertidos lapiseiros con forma de coello son as actividades coas que o programa de lecer infantil O Ganapán inaugurará o curso escolar no Mercado de Abastos de Pontevedra. A iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para nenos e nenas de 4 a 10 anos regresa esta fin de semana con máis enerxía que nunca, tras un breve parón polas vacacións de verán, para devolver a troula, a fantasía e a imaxinación ao segundo andar do edificio situado na rúa Serra.

Tal e como subliña a concelleira Yoya Blanco, “todos aqueles rapaces e rapazas interesados en inscribirse nos talleres que se celebrarán o sábado 10 e o domingo 11 de setembro poderán facelo a partir de mañá, mércores 7, ás 9:00 horas, cando se publiquen nas redes sociais do Ganapán, e non antes (só se terán en conta as solicitudes formalizadas desde esta hora), a través do email oganapan@gmail.com“. “A diferencia doutras edicións, a partir de agora teremos sempre unha soa quenda de 2 horas, en lugar de dúas, entre as 11:30 e as 13:30 horas”, sinala a edil do PSOE.


Para a xornada do sábado 10 están previstos un obradoiro de elaboración de grisines de avea e fariña de garavanzos, petiscos saudables e enerxéticos para merendar no recreo e rematar a xornada escolar, e outro no que os pequenos poderán realizar singulares lapiseiros con aspecto de coello. “Os sabores da cociña italiana tamén protagonizarán un dos talleres do domingo 11, no que se elaborarán saborosas galletas a base de manteiga e queixo mascarpone, ideais para recargar as pilas. No apartado máis creativos, os nenos e nenas participantes terán ocasión de deseñar e personalizar os seus propios reloxos de pulseira”, apunta Yoya Blanco.


Entre as normas que deberán cumprirse para participar nas actividades do Ganapán (e que serán remitidas con cada correo electrónico que se conteste coas inscricións), inclúense as seguintes:


1. Levar friameira ás actividades do espazo Gastro.

2. Indicar se os nenos e/ou as nenas para quen se solicita praza teñen algunha alerxia ou intolerancia alimentaria.

3. Darase prioridade nas inscricións ás nenas e nenos que leven dúas fins de semana consecutivas ou máis sen participar no Ganapán ou que participan por primeira vez.

4. Haberá listaxe de agarda para cando se produzan baixas.

5. Será necesario avisar con suficiente antelación (mínimo 2 horas antes) se finalmente os rapaces non poden asistir (para que poidamos contactar a outras persoas que quedaron sen praza).

6. Aquelas persoas que non aparezan sen previo aviso, logo de se ter inscrito, perderán a oportunidade de poder anotarse ás actividades durante as dúas semanas seguintes.

7. Non se admitirán inscricións previas á publicación das actividades nas redes sociais do Ganapán.

8. Mentres estea aberto o prazo de inscricións, darase resposta ás solicitudes ata un máximo dun día antes do inicio das actividades.

9. No caso de que a demanda de prazas sexa elevada e se realicen solicitudes de inscrición para os dous días, unicamente poderán participar nun deles, que se escollerá en función do número de prazas dispoñibles. Incluiráselles en todo caso, por defecto, na listaxe de agarda do outro.