Un Pleno extraordinario debatirá este mes a Axenda Urbana Pontevedra

17

O documento recolle os desfíos de futuro de Pontevedra en relación aos ODS. Elaborouse cun proceso de participación con enquisas a pé de rúa, obradoiros infantís, xornadas de formación e convocatorias de consellos parroquiais. 

A Corporación municipal celebrará o vindeiro luns, 12 de setembro, un pleno extraordinario para debatir e aprobar a Axenda Urbana Pontevedra, “un documento estratéxico que marca como a cidade vai facer fronte aos desafíos que veñen, en concreto aos obxectivos ODS da Axenda 2030”. Así o confirmou a portavoz do Goberno e responsable de executar os fondos europeos, Anabel Gulías.

A Axenda Urbana é froito dun proceso participativo “novidoso”, que supuxo realizar arredor de 600 enquisas a pé de rúa; obradoiros infantís para coñecer a opinión dos cativos e cativas; consellos parroquiais; e impartir formación entre os traballadores municipais e colectivos cidadáns vinculados ao medio ambiente, accesibilidade e economía e industria. 

Paralelamente, o Concello xa iniciou a tramitación para aprobar en pleno este documento e convocou a Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos para este mércores, así como a Xunta de portavoces para tratar este pleno extraordinario.

Anabel Gulías explicou que a Axenda urbana Pontevedra “é un punto de partida na que expoñemos unha serie de desfíos, pero deixaremos abertas todas as canles de participación para a xente faga as súas achegas ao longo do tempo”.