O Concello resume o éxito das Festas de verán na “alegría e felicidade” que transmitían os veciños e veciñas da Boa vila

14

Dende o Surfing até a Feira Franca, pasaron por Pontevedra máis de 2.000 artistas e técnicos que integraron a programación de verán con 144 concertos, 15 proxeccións, 20 orquestras, 15 espectáculos infantís, 4 pirotécnicos, 140 pasarrúas, 22 programas de distinto tipo dende musicais, a teatro, circo ou maxia. Foron 250 expedientes de contratación. 

“Foi un verán intenso, no que puidemos volver gozar sen as restriccións de anos anteriores. E a resposta da xente e as caras de alegría foi o pago que queriamos. Temos a satisfacción de que foi un verán moi bonito”. Así resumiu a concelleira de Festas, Carme da Silva os máis de dous meses de actividades festivas e culturais que tiveron a rúa como escenario. 

Dende o Surfing até a Feira Franca, pasando pola Peregrina “foi un verán sen parar”, indicou a concelleira quen salientou datos como os 144 concertos, 15 proxeccións, 20 orquestras nas verbenas, 15 espectáculos infantís, 4 pirotécnicos, 140 pasarrúas, 22 programas distintos dende musicais a teatro, monólogos, maxia, circo… Fixéronse 250 expedientes de contratación e pasaron por Pontevedra máis de 2.000 artistas e técnicos/as que estiveron actuando e traballando durante todo este verán.

Carme da Silva destacou a Feira Franca como “o colofón que se resume coas caras de alegría ao longo do sábado. Para min é o resumo perfecto do que para nós era a programación de verán, que se fai con cariño e ilusión; para ver caras de felicidade e alegría”.

Ademais, a programación de verán tamén destacou pola ausencia de incidentes reseñables. “Os servizos de seguridade non tiveron ningunha incidencia importante durante todo o verán e na Feira Franca houbo dous traslados a centros sanitarios por cousas menores”, indicou Carme da Silva.

Ao respecto da Feira Franca, salientou “o coidado e esmero co que poñen as mesas. Algunhas eran auténticas xoias. O coidado das instalacións foi moi satisfactorio xa que na XXI edición, e logo de 2 anos sen ela, podería deteriorarse ao tratarse dunha festa fráxil, de non haber esa implicación, o esmero e o facer as cousas ben”.