As obras para renaturalizar o río dos Gafos darán comezo na súa desembocadura e incluirán a demolición do paso peonil que une as rúas Tablada e Rosalía de Castro para substituílo por unha pasarela voadiza de trazado curvo

164
  • O concelleiro Iván Puentes levará este luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación o expediente de contratación deste proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de case 600.000 euros

As obras que permitirán recuperar e renaturalizar o río dos Gafos terán o seu pistoletazo de saída este mesmo ano e comezarán a plasmarse na súa desembocadura, no treito que discorre no contorno das rúas Rosalía de Castro e Tablada. O concellerio de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, levará este luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación o expediente de contratación deste proxecto de restauración paisaxística e medioambiental, que conta cun orzamento base de licitación de 586.084,15 euros e que incluirá a demolición da actual pasarela peonil de 7 metros de ancho que une ámbalas rúas e a construción dunha nova, voadiza, lixeira, de menores dimensións e de trazado curvo, coa finalidade de osixenar todo o ámbito e recuperar a visión do río.


En base ao estudo técnico de viabilidade elaborado por AM2 Arquitectos baixo a dirección de Alexandre Mouriño, os traballos localizaranse augas arriba do entronque do Gafos coa rúa Rosalía de Castro, ata a escalinata de acceso á ribeira, a uns 50 metros, actuando en ámbalas marxes do río, nunha actuación con certo carácter ‘cirúrxico’: unha superficie total de 1.561 metros cadrados delimitada polas edificacións que a rodean e de difícil acceso. O proxecto busca xerar un novo ámbito de esparexemento cidadán en contacto coa ribeira, acadándose unha transición gradual do desnivel da rúa Tablada co río (o que permitirá a restauración ambiental das zonas limítrofes á canle) e substituíndose non só a actual pasarela adosada ao edificio que oculta o arco de pedra da ponte de Rosalía de Castro, senón tamén tódolos colectores que discorren polo bordo a ribeira.


Tal e como explica Iván Puentes, “trátase dunha intervención dunha dobre vertente: por unha banda, a compoñente hidráulica, que busca a eliminación de colectores en superficie e a súa renovación como elementos soterrados que non interfiran visualmente dentro da paisaxe de ribeira; e pola outra, a eliminación da pasarela de formigón prefabricado de 7 metros de ancho que actualmente cubre parte do río (adosada ao número 23 da rúa Rosalía de Castro)”. 

“Deste xeito -sinala o edil do PSOE-, podemos resumir o proxecto na consecución dos seguintes obxectivos: a eliminación de tódolos colectores en superficie deste ámbito, substituíndolos por colectores soterrados; a realización dunha urbanización branda do contorno, coa dotación de novo mobiliario urbano e iluminación; a demolición da pasarela peonil que une as rúas Tablada e Rosalía de Castro para liberar a lámina de auga, osixenar todo o ámbito e recuperar a visión do río; o saneamento e hixienización da zona inferior a este paso, agora mesmo completamente degradada; a construción dunha pasarela peonil lixeira de menores dimensións que permita manter a conexión peonil entre ámbolos puntos sen ‘cubrir’ o río dun xeito tan violento, converténdose nun elemento máis da paisaxe naturalizada e liberando a fachada do edificio existente; a recuperación das marxes do río en todo o ámbito e a xeración dunha nova zona de estancia de alto valor engadido para uso e desfrute da cidadanía, sempre respectando o comportamento hidráulico do río; a plantación de arborado e a instalación dun sistema de rega, e a consolidación, limpeza e iluminación da antiga ponte de pedra e do muro que o conforma baixo o voo da rúa Rosalía de Castro”.


Bancais de espigón e pasarela metálica

En base ao estudo de viabilidade redactado polo equipo de Alexandre Mouriño, unha vez demolido o actual paso peonil e o piar da zona de servidume, proxéctase unha nova pasarela metálica para uso peonil e ciclista de trazado curvo de dobre radio, en voadizo, cun voo de 19 metros de luz libre. Segundo aclara Iván Puentes, “a forma curvada da estrutura proxectada permitiranos liberar as fachadas medianeiras e dar luz e osíxeno o que ata agora é un fondo de saco insalubre, á vez que acompañará o movemento natural do peón nunha conexión directa máis lixeira e limpa, facendo o máis sutil posible o paso por enriba da lámina de auga do río e reducindo a súa sección de xeito paulatino conforme se achega á rúa Rosalía de Castro”. “A demolición da pasarela -matiza Puentes- non afectará ao actual voadizo da rúa Rosalía de Castro, xa que a nova estrutura non apoia nel, polo que a única afección será a substitución da condución de abastecemento que atravesa a canle (‘grapada’ ao taboleiro da pasarela)”.


O desnivel da marxe esquerda entre a rúa Tablada e a ribeira, de catro metros de altura, resolverase mediante bancais de espigón (escollera) en dous panos de dous metros cada un, cunha meseta de descanso intermedia, construíndose para o seu acceso escalinatas integradas que facilitarán o acceso á canle. Ademais, executarase unha nova escaleira que terá a dobre función de seguir dando servizo ao local comercial cuxa cota de acceso se sitúa por debaixo da da rúa Tablada e de conectar ese ámbito coa cota máis baixa para permitir o acceso das persoas á ribeira do río.


A nova urbanización traducirase tanto na pavimentación dalgunhas zonas aínda sen urbanizar como a substitución do antigo pavimento de plaqueta hidráulica prefabricada, empregándose un único pavimento de formigón desactivado (no caso da nova pasarela peonil será un pavimento continuo de formigón armado sobre chapa de forxado con acabado cepillado). Para a zona máis próxima ao río, o pavimento será de xabre, o suficientemente compactado para evitar a aparición de foxos por escorrentías, pero cun elevado grao de permeabilidade. O resto de áreas serán axardinadas, na zona de gradas cun tepe de céspede que será transitable e a coa inclusión de especies arbóreas e arbustivas autóctonas en xardineiras e outros espazos.


No proxecto non se contempla a instalación de pezas de mobiliario como bancos especificamente, quedando cuberta esta función polas bancadas realizadas en formigón. Na cota da rúa Tablada existe un parterre que quedará encintado por unha bancada corrida na que se instalarán tres respaldos de madeira de 3 metros de lonxitude ancorados con pletinas metálicas á base de formigón.


A solución hidráulica adoptada cumprirá coa Normativa do Plan Hidrolóxico Galicia Costa, evitando a construción de obras de fábrica na zona de servidume, respectando o resgardo de flotantes na pasarela e axeitando as obras de fábrica aos niveis de inundación. Para isto, contémplase, como actuación prioritaria, a recuperación ambiental das zonas de servidume do Dominio Público Hidráulico da canle en base ás informacións facilitadas por Augas de Galicia. Non obstante, prevese a renovación e mellora de infraestruturas urbanas vencelladas á canle e que na actualidade xeran problemas de inundacións, reboses e ocupacións da ribeira, e a optimización da calidade das descargas da rede de augas pluviais e dos colectores de augas residuais.


A primeira execución real de obra dese gran proxecto para renaturalizar e renovar paisaxisticamente o río dos Gafos entre a desembocadura e a avenida de Vigo


O concelleiro de Desenvolvemento Sostible amosou a súa “tremenda satisfacción” ante “un chanzo fundamental para que poidamos ver de xeito inminente a primeira execución real de obra dese gran proxecto de renaturalización e restauración paisaxística do río dos Gafos entre a avenida de Vigo e a desembocadura, en consonancia cos estudos que fixemos nestes anos sobre viabilidade técnica e impacto sobre a mobilidade”. “Uns estudos que inspiraron este proxecto -subliña o socialista- e que tamén van condicionar o concurso internacional de ideas que lanzaremos en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (Coag) para todo o contorno soterrado do río dos Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo. As actuacións da Tablada serán o primeiro paso, o aperitivo, do que será ese novo Gafos e estarán en sintonía co proxecto que saia do concurso de ideas”.