O Teatro Principal volve a abrir as súas portas o vindeiro luns co ciclo de cine de Amal en ruta

12

O alcalde visitou esta mañá o estado da instalación municipal para comprobar a nova iluminación do escenario e o baño adaptado que permitirá abrir as dependencias á espera de que un novo contrato remate a reforma pendente pola quebra da construtora adxudicataria.  

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores supervisou esta mañá o estado do Teatro Principal unha vez que remataron as obras de emerxencia realizadas nas últimas semanas para poder abrir a instalación cultural. O edificio abrirase ao público esta mesma fin de semana ao ser un punto de atención sanitaria para a Feira Franca, e volverá a acoller programación cultural a partir do luns, 5 de setembro. Será o ciclo de cine Amal en ruta.

As obras do Teatro Principal, licitadas a primeiros de ano por 438.478,34 euros, saíron a contratación en dous lotes: o primeiro era a substitución completa da iluminación escénica, cun orzamento de preto de 248.000 euros e adxicado á empresa Setga; e un segundo lote de obra de 190.000 euros que prevía un reforzo da estrutura sobre o escenario, a construcción dun ascensor, a reforma dos dous baños da planta baixa do Teatro e a construción dun baño na planta superior. Este último lote foi adxudicado á empresa Acevi, que no mes de abril comunicou ao Concello o seu concurso de acreedores.

O Concello tivo que resolver o contrato de Acevi e adxudicar polo procedemento de emerxencia a execución dun baño na planta baixa para poder abrir as instalacións.

“Despois de moitas vicisitudes, o día 5 ábrese o Teatro Principal co programa de cine Amal en Ruta. Estabamos desexando abrilo porque é unha instalación que ten un uso masivo con moita programación até final de ano”, explicou o alcalde durante a visita. Recordou que a substitución da iluminación do escenario “xeraba moito calor no escenario, cada vez que se encendía era un consumo de 70.000 vatios e agora baixará dos 15.000. Suporá un aforro enerxético do 70% . Ademais reducirase o mantemento”, recordaba Lores. 

“Fixemos un baño adaptado para persoas con discapaidade que está na marxe esquerda e tamén se incorpora un novo proxector tanto para Amal en ruta, como o Cineclube… que non tiñamos”, apuntou o alcalde.

Indicou que xa por procedemento convencional sairá a contratación a obra pendente: instalación do ascensor (cuxo oco xa está realizado), substitución do segundo baño da planta baixa, e creación do baño da planta alta. Tamén se incluirá neste contrato o arranxo do escenario que se atopa convado cara o patio de butacas e impide a celebración de espectáculos de danza.

De cara ao vindeiro ano contémplase a posibilidade de substituír todas as cadeiras do patio de butacas así como poñer en marcha un ambicioso proxecto de eficiencia enerxética e aillamento que se presentará aos fondos europeos.

O alcalde confía en que as obras que queden pendentes non interfiran na vida diaria do Teatro Principal.