Benestar Social colabora con Arela para consolidar en Pontevedra un banco de familias de acollida de adolescentes con medidas xudiciais a través do programa Convive.comigo

26

A Concellería de Benestar Social continuará a colaborar co colectivo Arela a través do programa de ámbito provincial Convive.comigo, destinado ao acollemento de adolescentes con medidas xudiciais de convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo, co obxectivo de crear e consolidar un banco de cidadáns/familias cunha alta sensibilidade cara á adolescencia e que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. O programa, froito dun convenio subscrito por Arela coa Consellería de Política Social da Xunta, tradúcese en estadías cunha duración aproximada de entre 6 e 12 meses, nas que, a través dun ambiente socializador e positivo, as/os adolescentes teñen a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial, evitando así que reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.


Segundo explica o concelleiro de Benestar Social de Pontevedra, Marcos Rey, “os requisitos para formar parte deste programa son ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, ter estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade, entre outros”. “Ademais -constata o edil do PSOE- valórase positivamente a formación relacionada coas ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar e ter unha predisposición a ser formad@s en diferentes temáticas como a etapa da adolescencia, a resolución de conflitos, a medida xudicial de convivencia e o seu marco xurídico ou as pautas educativas a seguir”.


Non obstante, Arela ofrece unha formación grupal e individual,  asesoramento con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40 euros diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa de convivencia.


Tal e como apunta Marcos Rey, “durante o ano 2021 o Xulgado de Menores de Pontevedra derivou ao programa Convive.comigo a 3 mozos/as coa obriga de cumprir unha medida de convivencia, e no que atinxe ás persoas/familias dispoñibles, mantivéronse activos 5 grupos familiares”.


De cara a obter máis información sobre este programa pódese consultar a páxina web de Arela (www.arela.org), chamar ao teléfono da súa sede central (986 21 25 37) ou escribir á dirección de correo electrónico convive@arela.org. A asociación presidida por Julio Barreiro leva traballando en Galicia desde o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativa en Medio Aberto (Ciema).