As heroínas do dragon boat pontevedrés proseguen a súa loita contra o cancro de mama a golpe de medalla e representarán a España esta fin de semana no Campionato de Europa que se celebrará na localidade catalana de Banyoles

403

Tras acadar unha medalla de bronce na Copa de España da disciplina celebrada no Pontillón do Castro (Verducido) o pasado mes de xuño e de colleitar unha medalla de prata na que tivo lugar recentemente en Asturias, as heroínas do dragon boat pontevedrés proseguirán esta fin de semana as súas fazañas representando a España no Campionato de Europa BCS (Breast Cancer Survivors) que acollerá a localidade catalana de Banyols. Cinco das compoñentes da embarcación conformada pola Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama (Adicam) en colaboración coa Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra competirán xunto con outras compañeiras de Valencia e Madrid contra botes de países como Hungría ou Suecia, sen marcarse obxectivos, pero soñando con proseguir a progresión de metais e, por que non, acadar o ouro.


Antes de iniciar o seu periplo cara a Girona, estas mulleres inspiradoras participaron esta mañá na Sala de Comisións nunha recepción do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, á que acudiron ataviadas coa súa flamante indumentaria de cor rosa e as novas palas patrocinadas polo Concello e na que estiveron acompañadas pola presidenta de Adicam, Olga Sotelo, e a traballadora social do colectivo María Martínez. Ademais de darlles os parabéns ás compañeiras que representarán a Pontevedra e España no Campionato de Europa, o edil socialista felicitounas “pola súa forza e ilusión e polo que representan e son espello para o resto da poboación da nosa cidade e de todo o Estado”.


“Trátase non só de facer deporte -subliñou Fernández-, senón de visibilizar os beneficios que reportan o deporte e a vida saudable… Son un exemplo que agardemos que se convertan en semente para que este tipo de iniciativas e actividades frutifiquen en Pontevedra. Hai que agradecerlle a Adicam este inmenso labor que están a facer e á Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra todo o seu apoio”.


Unha das compoñentes do equipo de Dragon Boat BCS, Isabel Lema, asegurou que esta escadra converteuse “nunha verdadeira familia” e animou a aquelas que non probaran esta modalidade “a que veñan e comproben con nós a mellora psicolóxica e física para a linfe e a mente de todas as persoas que están pasando ou pasaron o cancro de mama”. Tal e como sinalou, “non podemos estar máis orgullosas co resultado das competicións, xa que estamos nunha mellora constante: coas de Valencia que competiron con nós en Verducido, case acababamos de saír cando elas xa estaban na meta, e sen embargo en Asturias leváronnos só medio barco e quedaron alucinadas”. “Elas tamén van participar con nós agora en Banyoles. Fixermos un adestramento xuntas e saíu xenial, iamos todas ao mesmo ritmo e quedamos moi contentas da nosa evolución para poñernos a nivel e poder facer esta competición europea xunto con Madrid”, engadiu Lema.


“Son outra persoa. Síntome con gañas de vivir e de saír. Isto foi o mellor psicólogo que puiden ter para mellorar”


Os efectos do dragon boat sobre o estado de saúde física e mental destas mulleres son rotundos. Isabel Lema afirmou que “cando entrei non podía nin camiñar e estaba psicoloxicamente nun pozo, e agora son outra persoa, síntome con gañas de vivir e de saír e non teño palabras de agradecemento tanto para o club como para Adicam”. “Foi o mellor psicólogo que puiden ter para mellorar e por iso animo a todas aquelas que teñan medo a probar”, apuntou.

Para a súa compañeira, Isabel Millán, este equipo de dragon boat supón “un xeito de amosar que o deporte é positivo para calquera tipo de cancro, activando endorfinas, permitindo coñecer xente e saír, xa que esta enfermidade ten unha parte moi psicolóxica”. Na súa opinión, elas son “a viva imaxe de que non hai que quedar na casa, de que o cancro non é o final e de que hai moitísimas cousa que facer, aínda que esteas con tratamento de quimio, pastilla ou radio”.


Segundo explicou Raquel Juncal, o dragon boat español (composto por cinco mulleres de Pontevedra, tres de Valencia e dúas de Madrid) competirá con outras cinco embarcacións de BCS, participando o sábado 3 de setembro en tres saídas de 200 metros e o domingo noutras tres de 500 metros, entre as 14:00 e as 17:00 horas.