Marcos Rey asegura que “das 137 colonias felinas censadas en Pontevedra, 58 xa están totalmente esterilizadas e 37 teñen cando menos a tódolos machos ou tódalas femias esterilizadas”

195
  • Benestar Animal proxecta a elaboración dun censo coas casas de acollida de gatos, a contratación dunha asociación que se encargue da recollida de animais a cambio dunha cantidade por exemplar e a adquisición de 3.000 kilogramos de penso para os voluntarios responsables da alimentación e coidado das colonias rexistradas no municipio

Tralo precursor censo de colonias felinas elaborado en colaboración con Difusión Felina, a Concellería de Benestar Animal, que dirixe o socialista Marcos Rey, proxecta realizar agora un novo censo no que se rexistrarán as casas de acollida de gatos existentes no municipio, coa finalidade de cooperar con elas en materia de cobertura de gastos de alimentación. O departamento que dirixe Rey tamén estuda implementar a contratación dun colectivo de defensa e protección de animais para que leve a cabo “as tarefas de recollida dos felinos silvestres dun xeito máis sistemático e organizado, contando cunha contribución municipal, é dicir, mediante o aboamento dunha cantidade económica por determinar por cada gato que recollan (durante o pasado ano foron rescatados uns 200 animais)”.


Asemade, Benestar Animal tamén activará neste mes de setembro unha achega económica de 3.000 euros para que os colectivos e voluntarios identificados cos pioneiros ‘carnés gatunos’ (unha sorte de DNI dotados con códigos QR que permiten identificar ás arredor de 50 persoas responsables da alimentación e coidado das 137 colonias felinas existentes nestes momentos en Pontevedra) poidan adquirir “uns 3.000 kilogramos de penso para gatos”. As medidas foron anunciadas polo edil do PSOE nun encontro mantido esta mañá no edificio administrativo de Churruchaos con representantes das asociacións Difusión Felina, Huellas Felinas e Adopcións de Galicia e voluntarias encargadas da vixilancia do estado de saúde e a manutención dos animais que conforman as colonias, no que tamén participou a xefa do Servizo Municipal de Medio Ambiente, María Formoso.


A reunión serviu para expoñer os resultados do plan CES (Captura, Esterilización e Solta) desenvolvido polo Concello ao longo dos pasados meses, un labor de control do estado de saúde dos asentamentos cuxa eficacia se viu notablemente incrementada grazas ao ‘padrón gatuno’, que permitiu obter unha fotografía real da ubicación exacta das colonias (deseñouse un mapa de situación) e do número de animais (1.012 gatos silvestres xa habitan nelas). Segundo explicou o concelleiro, “entre os meses de xaneiro e xuño deste ano, leváronse a cabo 210 esterilizacións (84 machos e 126 femias), cun investimento duns 20.000 euros por parte da Concellería neste eido”. “Das 137 colonias felinas censadas -apuntou o edil socialista-, 58 xa están esterilizadas na súa totalidade, 37 teñen cando menos tódolos machos ou tódalas femias esterilizadas, e quedan polo tanto unhas 42 nas que temos que enfocar as nosas accións”.


Preocupación polo exponencial abandono de gatos


Marcos Rey fixo fincapé no considerable incremento sufrido en menos dun ano no número de colonias (que pasaron das 103 censadas a finais do ano pasado ás 137 actuais) e de animais rexistrados (de 811 a máis dun milleiro). Neste sentido, as voluntarias presentes na reunión amosaron a súa preocupación ante o aumento exponencial dos casos de abandono de gatos, que se produce non só nas colonias, senón cada vez máis en edificios ou colectores de lixo.


O concelleiro de Benestar Animal subliñou que “trala creación do censo e dos ‘DNI gatunos’, Pontevedra converteuse na cidade de Galicia coas medidas máis avanzadas en materia de control das colonias felinas, desenvolvendo un labor planificado e unha acción coordinada entre os técnicos municipais e os colectivos e voluntarios que traballan no coidado de gatos salvaxes de colonia, gatos domésticos abandonados, gatos que caen das ventás, atropelados ou feridos por diversas causas”.

Non obstante, a expedición e distribución dos carnés con códigos QR respondeu a un estrito cumprimento da lexislación vixente, posto que a actual normativa autonómica de Protección e Benestar dos Animais de Compañía non permite a alimentación de animais abandonados vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás en situacións que poidan comprometer o benestar dos animais, é dicir, só de xeito excepcional, polo que a identificación concreta dos responsables das colonias felinas resulta imprescindible por imperativo legal (os QR permiten á Policía dispoñer de tódolos datos do voluntario de xeito rápido e sinxelo).