O Concello fai balance do esforzo realizado para a modernización da administración, tarefa que xa suma preto de 6,6 millóns de euros en catro anos

15
Na última Xunta de Goberno Local tamén foi aprobada a ampliación da rede sumidoiro na parroquia de Santo André de Xeve, que dará servizo a 107 fogares
Doutra banda, a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, indicou que no futuro o Concello apostará por un sistema híbrido entre cita previa e dun servizo aberto sen solicitude previa 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, compareceu está mañá en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora deste luns, 29 de agosto. Dentro dos asuntos tratados na orde do día figuraba a contratación do servizo de mantemento da xestión de cita previa e xestión de quendas. Tal e como anunciado hai xa unhas semanas, o Concello está a estudar en facer unha combinación de dous tipos de sistema para a atención do público: dunha banda o presencial con cita previa, mais doutra banda, tamén se contempla a apertura do servizo sen cita previa, agora que a crise sanitaria por mor da Covid-19 semella chegar ao seu fin .

«Esta apertura do servizo xa foi realizada nalgunhas áreas, nas que precisamente probamos os dos xeitos e será a partir do ano que vén cando habilitemos o resto dos servizos», sinalou Gulías. «Temos que facer un bo balance da cita previa, especialmente nalgúns servizos concretos como en Urbanismo, cun perfil técnico que funcionou realmente ben». 

No referido ao contrato de mantemento do sistema de citas previas do Concello farase cun negociado sen publicidade e será licitado por un importe de 18.125,13 euros. O prazo de execución do contrato será dun ano. 

Na orde do día tamén figuraba a ampliación de redes sumidoiros na parroquia de Santo André de Xeve. «Un investimento básico para o Concello este contrato da auga, e que nos permite estar cada vez máis preto de completar a rede de abastecemento e saneamento en Pontevedra», comentou a edil. «É un dos proxectos máis elevados e importantes, o desta ampliación nesta parroquia, cun investimento de 2.208.933,47 euros; un investimento necesario, que dará servizo a 107 vivendas, nos lugares de Maúnzo, Santa Cruz, Filgueira e parte dos Fontáns».

Outro dos temas tratados na Xunta de Goberno Local deste luns foi a saída a licitación dunha obra xa anunciada no seu momento, que consiste na reforma integral do primeiro andar do edificio administrativo de Michelena, 30. Sairá cun importe de 376.612,56 euros. «A intención é reproducir o esquema que xa foi aplicado no edificio, creando estancias de traballo cómodas para os traballadores e as traballadoras, mais tamén para toda a xente que se achegue até este edificio, ao tempo que se solventa ese baleiro que tiña este edificio que era o de ter salas de xuntanzas, espazos vitais e básicos para un mellor funcionamento da Administración», sinalou a portavoz do Goberno.

Nese sentido, na procura dun funcionamento óptimo do traballo público e do funcionariado, Gulías fixo fincapé no esforzo realizado este mandato para modernizar a Administración local. Tres piares básicos para este obxectivo son os levantados polo actual Concello de Pontevedra: todo o relacionado co persoal —novas ofertas de emprego, plans temporais para acceso a novos fondos…—, renovación de programas informáticos —Xestión tributaria, Patrimonio, Cita previa…—, tamén, na parte electrónica, a nova ordenanza para a Administración electrónica —ampliación e mellora do Catafis, por exemplo—, e, por último, a renovación dos equipamentos municipais.

Neste último punto, a edil lembrou o «importante investimento» que se fixo neste mandato, tal e como queda recollido na reforma do edificio de Ferreiros, da planta baixa de Michelena, da renovación das áreas de descanso dos Bombeiros, das oficinas de Cemiterios, das oficinas do CIM en Santa Clara, das obras de adaptación dos vestiarios da Policía Local ou dos novos aseos do Pazo da Cultura —á hora de sinalar proxectos xa rematados—, que sumarían preto de 2,352.000 euros. «Un investimento necesario para este desafío que é a modernización da Administración».

«Se falamos de equipamentos agora mesmo en obras, podemos nomear a casa consistorial e tamén o Teatro Principal, ambos as dúas actuacións superarían o millón e medio de euros», engadiu a edil. «E se falamos de futuro, nesta tarefa, falamos do edificio do antigo conservatorio, de Churruchaos e doutros que están por vir; o que serán uns 2.700.000 euros; o que fai un total de máis de 6,5 millóns de euros para mellorar a calidade dos traballadores e traballadores ao tempo que mellora a calidade de atención ao público».