As obras que permitirán dotar ao barrio de Monte Porreiro dunha pista multideporte e dun parque canino poranse en marcha no vindeiro mes de setembro cun investimento global que superará os 100.000 euros

242

As concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal prevén poñer en marcha no vindeiro mes de setembro as obras de execución de dúas importantes infraestruturas que incrementarán a calidade de vida e as opcións de práctica deportiva dos habitantes de Monte Porreiro, e tamén das súas mascotas: a creación dunha pista multideporte na concorrida Praza de Europa e a dotación do primeiro parque canino do barrio na zona verde existente entre as rúas Reino Unido, Luxemburgo e Bélxica (nas inmediacións da Galiña Azul). O inminente inicio de ámbolos proxectos, xa adxudicados por un investimento global de supera os 100.000 euros, foi anunciado no transcurso dunha reunión que os concelleiros socialistas mantiveron na tarde-noite de onte coa veciñanza da urbanización co obxectivo de tomar nota das súas demandas e peticións máis perentorias.


Os traballos que permitirán dotar ao parque da Praza de Europa dunha pista multideporte, enmarcados na restauración integral que o Concello está a levar a cabo ao longo do mandato neste contorno de referencia na vida social de Monte Porreiro, traduciranse nun novo espazo no que os veciños poderán practicar fútbol, baloncesto ou balonmán e na mellora paisaxística e axardinamento deste contorno ubicado entre as rúas Bélxica Interior e Alemaña. Tal e como subliñou o concelleiro Iván Puentes, “a actuación, que vén sumarse ás intervencións de restauración e mantemento levadas a cabo na área de lecer infantil, á ampliación da zona de xogo cunha tirolina e á construción de dúas pistas de petanca neste parque, foi contratada á empresa Garocaprim SL cun orzamento de 53.805,29 euros e incluirá unha mellora paisaxística e a instalación de diverso mobiliario”. “O proxecto está adxudicado -asegurou Puentes- e só estamos pendentes da subministración de materiais para poder comezar a executalo, agardamos que nas vindeiras semanas”. 


Asemade, a colaboración entre as concellerías de Desenvolvemento Sostible e Benestar Animal xerminará na creación de tres parques caninos, dos que o primeiro en ver a luz será precisamente o de Monte Porreiro (os outros dous construiranse en Campolongo-Os Gafos e na Praza das Regas, en Valdecorvos). Segundo explicou Marcos Rey, “a dotación deste parque de cans foi adxudicada á empresa Naturgalia SL cun orzamento de 47.833,48 euros, realizarase nunha ampla zona verde situada a carón da Galiña Azul e contempla o pechamento da parcela cun panel de malla electrosoldada, acabado en lacado verde e postes de perfil oco de sección rectangular, a plantación dun freixo de 10-12 cm de perímetro de tronco e a subministración e instalación dunha porta de paso de 1×1,5 metros, unha fonte de aceiro inoxidable combinada para persoas e animais, unha papeleira cilíndrica de 80 litros de fundición de aluminio (retirarase a existente na zona, que se atopa moi deteriorada), un poste para que os cans ouriñen, un banco, un sistema de rega con aspersores e unha estrutura de pérgola en madeira de piñeiro vermello cunha altura de 2,20 ou 2,30 metros e un teito de chapa sándwich (que servirá para refuxiarse da choiva ou o sol)”.


Segundo lembrou Iván Puentes, “ante a dilación nos trámites administrativos para poder executar o parque canino previsto nos terreos de Tafisa, pendente do permiso de Costas, co fin de mellorar a convivencia entre os cidadáns e as mascotas, cada vez máis numerosas (a cifra de cans censados ronda os 16.000) e conscientes da carencia actual de espazos onde os animais poidan estar libremente, optamos por crear varios parques de tamaño medio distribuídos pola cidade para dar servizo ao maior número posible de usuarios e no menor tempo posible”. “Tanto o parque de cans de Monte Porreiro como os que se farán en Campolongo-Os Gafos e Valdecorvos, todas elas zonas da cidade cunha elevada poboación de mascotas, financiaranse con cargo a unha modificación de crédito aprobada cun montante global de 122.722,68 euros”, afirmou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.


Un maior foco no mantemento e revisión do parque infantil


A reunión dos veciños con Puentes e Rey, na que participaron o presidente da asociación O Mirador, Carlos Diéguez, o histórico dirixente Ángel Mario Lago e a mediadora intercultural da Fundación Secretariado Gitano, Rebeca Flórez, resultou moi produtiva, ao permitir recoller sobre o terreo e nun momento no que tanto o parque infantil da Praza de Europa como a pista de terra dotada de dúas vellas porterías (que serán retiradas cando se constrúa a nova cancha) e os novos campos de petanca estaban a ser empregados por unha morea de rapaces e adultos, as demandas dos habitantes de Monte Porreiro. Así, entre as peticións e ‘deberes’ que a veciñanza lle trasladou aos concelleiros do PSOE incluíronse os de poñer o foco no mantemento da concorrida zona de lecer infantil, a revisión e posible substitución dalgún elemento de xogo (por outro máis seguro) e a renovación do seu chan.


Neste sentido, Iván Puentes lembroulles aos veciños que “a Concellería de Desenvolvemento Sostible leva investidos xa neste mandato máis de 50.000 euros no parque infantil da Praza de Europa, primeiro supervisando as súas condicións de seguridade e o cumprimento das normativas autonómica e europea en materia de seguridade e acadando a certificación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac), posteriormente executando un proxecto que permitiu restauralo, dotalo dunha tirolina de máis de 20 metros de lonxitude, mellorar o pavimento de terrizo do seu contorno e delimitar a súa rede de sendas internas mediante bordos de formigón e, máis recentemente, cunha reparación dos elementos de xogo, o arranxo de fendas e roturas do seu desgastado pavimento de herba sintética e unha importante achega de area na zona na que se atopa a tirolina, ademais de algún axuste na propia tirolina”.

“Somos conscientes da importancia deste parque infantil e do seu uso intensivo diario e por ese motivo imos seguir facendo obras neste espazo. Agora imos construír a nova pista polideportiva e a renovar o mobiliario na parte interior da Praza de Europa (que dá cara á igrexa) e, por suposto, a renovación do chan da área de lecer infantil está na nosa axenda”, avanzou o edil socialista.


Os veciños tamén fixeron fincapé na necesidade de, á marxe das campañas de sensibilización impulsadas desde a Concellería de Benestar Animal, se leve a cabo unha maior vixilancia da recollida das deposicións das mascotas no contorno da Praza de Europa por parte da Policía Local, incrementando a súa presenza e multando a aquelas persoas incívicas que non cumpran coa obriga de retiralas. Neste eido, tanto Iván Puentes como Marcos Rey agardan que a creación do novo parque canino da rúa Reino Unido contribúa a ‘aliviar’ a presenza de mascotas por outros puntos do barrio, a xerar un maior nivel de conciencia na recollida das cacas e, en consecuencia, a mellorar a convivencia entre persoas e animais.


Por último, algún dos presentes na reunión vaticinou a necesidade de que se fagan máis pistas multideporte como a que se executará na Praza de Europa. “Unha vez que o novo campo se estree poderemos comprobar a demanda existente e analizaremos a posibilidade de construír máis instalacións deste tipo”, respondeu Iván Puentes.