Toni Nadal, Mario Alonso Puig, Emilio Duró e Elsa Punset convertirán a Pontevedra no faro das relacións persoais este setembro

28
  • O I Congreso Atlantic Meet celebrarase no Pazo da Cultura os días 15 e 16 de setembro e tamén contará con dúas ponencias a cargo de Ezequiel Mosquera e de Teresa Portela, así como con dúas mesas redondas sobre economía circular e internacionalización turística en base ao Camiño de Santiago
  • Tal e como destaca a edil de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “o Atlantic Meet chega a Pontevedra pisando moi forte, sendo un deses eventos que nos permite sacar peito como referente e capital congresual”

A situación social actual que vivimos, despois dunha pandemia que paralizou a actividade mundial e que reordenou as nosas prioridades coma sociedade, está caracterizada pola incertidume e as dúbidas. Un contexto no que os valores e as relacións persoais que tecemos ao longo da nosa vida gañan, se cabe, aínda máis importancia.

Conectar con novas persoas, avanzar para xerar novas experiencias e transformar os nosos proxectos para adaptalos ao novo contexto social serán os piares sobre os que se traballe no I Congreso de Relacións Persoais Atlantic Meet, que se celebrará os días 15 e 16 de setembro no Pazo da Cultura de Pontevedra cun cartel de luxo, con catro ponentes de primeiro nivel: Toni Nadal, Elsa Punset, Mario Alonso Puig e Emilio Duró.

Estes catro expertos, cuxas ponencias ao longo do terreno nacional son seguidas por milleiros de persoas, falarán en Pontevedra da importancia do liderazgo responsable e consciente dentro do mundo do emprendemento e na nosa propia esfera persoal, así como da resiliencia precisa en tempos tan cambiantes coma os que vivimos e da necesidade de fortalecer os valores que nos definen para non perder o rumbo e seguir avanzando nas nosas metas persoais e profesionais.

Pero Atlantic Meet é moito máis. Xunto coas catro ponencias principais do congreso, haberá outras mesas redondas nas que se tratarán temáticas como o papel do turismo sostible dentro do desenvolvemento de cidades nas que crecer a nivel persoal e profesional, con especial mención ao Camiño de Santiago en pleno ano Xacobeo, ou a importancia de apostar por unha economía circular que poña por diante o respecto á contorna á hora de levar adiante actividades económicas.

Nesta primeira mesa, participarán membros da comisión de organización do Xacobeo 2021-2022 e de Turismo de Galicia, así como Roberto Fraga, CEO de Pilgrim Travel, desde o punto de vista do sector privado. Por outra banda, na mesa adicada á economía circular participarán Iago Martínez, CEO de Edigal; Amaranta Rodríguez, directora e xefa de sala de Culler de Pau, e Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra.

Ademais, haberá cabida tamén para proxectos innovadores en materia de sostibilidade, coidado do medio ambiente, deporte e mellora da calidade laboral, co Premio PC Box, financiado por PC Box e dotado con 1.500 euros, aos que poderán optar emprendedores destas áreas, que presentarán o seu proxecto o xoves pola mañá.

O deporte, exemplo perfecto de valores esenciais con Ezequiel Mosquera e Teresa Portela

Se hai unha disciplina que xera compromiso cos valores que sustentan as relacións persoais, ese é o deporte. Por iso, o congreso quixo adicar un espazo específico no que deportistas do máis alto nivel puideran falar da súa experiencia e compartila con todos os asistentes ao evento.

Nesta edición, será o ciclista Ezequiel Mosquera o encargado de facer a ponencia inaugural da primeira xornada do congreso, mentres que o venres a programación será aberta pola piragüista Teresa Portela.

Desde a organización do Atlantic Meet, aseguran que esta cita “que é totalmente innovadora dentro da oferta de congresos na Boa Vila, será unha oportunidade única de reflexionar acerca da situación actual e do futuro que vén, fortalecendo e adquirindo ferramentas a nivel persoal da man dos mellores, escoitando historias inspiradoras e ampliando a nosa perspectiva das relacións persoais”. Ademais, a nivel profesional, “será tamén un bo momento para crear sinerxias e espazos de networking con outros expertos e profesionais de distintos sectores”.

Pola súa banda e tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “a celebración desta primeira edición do Atlantic Meet non pode ser máis oportuna, nun contexto no que é necesario adaptar os nosos proxectos e emprendementos a unha realidade na que cada vez teñen máis peso factores como a sostibilidade ou a economía circular”. 

Na súa opinión, “a xeración de redes, sinerxías e relacións sociais é máis importante que nunca ante o mundo que se aveciña e podemos afirmar que en poucos congresos poderemos atopar tantos relatores de tanto nivel, tan inspiradores, líderes absolutos nos seus respectivos ámbitos, como os que visitarán a nosa cidade o vindeiro mes”. “O Atlantic Meet chega a Pontevedra pisando moi forte -subliña a edil socialista- e cun cadro de conferenciantes que xa lle gustaría a outros congresos de renome internacional. Un deses eventos que nos permite sacar peito como referente e capital congresual”.

E para quen está pensado? “É verdade que é un evento que ten un perfil empresarial potente, tamén está aberto e pensado para a cidadanía, xa que as relacións persoais teñen unha base individual moi potente, no que a xestión emocional ten moito que ver”, aseguran desde a organización.

O evento conta co patrocinio de Visit Pontevedra, a Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, Clínicas ON e Edigal. A venda de entradas está dispoñible na web de www.atlanticmeet.com

Descargar dossier do congreso:

https://atlanticmeet.com/wp-content/uploads/2022/06/Dossier-Atlantic-Meet-1.pdf

Descargar dossier do Curso de Desenvolvemento Persoal:

https://atlanticmeet.com/wp-content/uploads/2022/06/Dossier-Curso-Desarrollo-Personal-AM-1.pdf