Unha delegación de Montpellier visita Pontevedra na procura de ideas e inspiración para mellorar o espazo público

30
Até dez persoas, entre técnicos e representantes do Concello francés, visitaron a cidade a asistiron a unha exposición divulgativa sobre o modelo urbano 

De novo, unha delegación dun concello estranxeiro buscou en Pontevedra novas ideas e inspiracións á hora de aplicar posíbeis mudanzas na súa contorna urbana. Nesta ocasión, foi o concello de Montpellier (Francia) o interesando en ver e percorrer a Boa Vila, logo da recomendación feita polo pensador e psicopedagogo, Francesco Tonucci. 

Así, este venres, 26 de agosto, dez representantes do concello de Montpellier camiñaron polas rúas da cidade e tamén asistiron a unha exposición técnica sobre o modelo urbano e as transformacións realizadas na vila ao longo dos últimos vinte anos. Neste caso, foi o director xeral de Emerxencias, Daniel Macenlle, o encargado de ofrecela.

A continuación, a comitiva paseou polas rúas de Pontevedra, para comprobar de primeira man os logros do modelo. Logo deste roteiro, a primeira tenente de alcalde, Fanny Dombre, sinalou que «estaban encantadas de chegar até aquí», facendo especial fincapé no «bonita que é a cidade e na tranquilidade coa que a xente pasea polas rúas».

«En Francia, o espazo público foi invadido polos coches e non atopas nenos xogando na rúa», indicou Dombre. «O alcalde da nosa vila tomará como referencia Pontevedra para poder ter unha cidade onde os nenos e as nenas poidan xogar e tamén, por suposto, co fin de facer unha aposta ecolóxica, na procura dunha vila máis sa, como é Pontevedra».

Pola súa banda, o alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que sempre é unha honra recibir a outros concellos que están á procura de posíbeis ideas á hora de mellorar a calidade de vida da súa veciñanza e apostar por cidades mellores, de maior calidade de vida. «É fundamental que o espazo público sexa para todos e todas», indicou. «Agardo que estivesen a gusto en Pontevedra e que todo o que puidesen ver poida agora aplicalo dalgún xeito na súa cidade».