Os Vermús de Pinto e Maragota regresan en setembro para despedir o verán cunha Foliada Diversa no Campiño de Santa María

26

Os Vermús de Pinto e Maragota, impulsados pola Concellería de Igualdade de Pontevedra dentro do seu programa de fomento da diversidade sexual e de xénero, regresarán o vindeiro mes de setembro para animar a despedida do verán cunha proposta repleta de festa, alegría e cores: unha Foliada Diversa organizada en colaboración coa Asociación Cultural Trépia. O evento celebrarase o domingo 11 de setembro no Campiño de Santa María a partir das 12:30 horas e mergullará aos asistentes nunha algueirada que mesturará a nosa tradición cultural con elementos de reivindicación da diversidade.


Tal e como avanza a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, “queremos seguir dando a nota para cantarlle á diversidade, nesta ocasión a ritmo de xotas, muiñeiras e alalás, nun vermú de Pinto e Maragota que dará moito que cantar e que bailar”. “Trátase dun espectáculo para tódalas idades -explicou a edil do PSOE-, polo que animo a todo o mundo a que se achegue ata o Campiño, a que saque as gaitas, as cunchas, os pandeiros e as plumas e a que o pase en grande nesta Foliada Diversa. Os nosos Vermús son unha garantía de diversión”.


A Asociación Cultural Trépia ten entre os seus obxectivos fornecer á nosa tradición cultural de novas ferramentas e mecanismos que permitan a súa supervivencia no futuro. Entre as súas iniciativas inclúese o proxecto artístico Projecto Trépia, unha proposta escénica que conxugou música e baile tradicionais (con repertorio clásico e outro de nova creación) con programacións de electrónica e proxeccións de vídeo, e que foi moi exitosa, recibindo varios recoñecementos en 2008, 2009 e 2010 (GalizaCrea, XuventudeCrea, FestiMadTaste…).