O Open Bola 9 – Festas de Verán 2022 exhibirá esta fin de semana en Pontevedra o talento de varios dos mellores xogadores de billar de Galicia, España e Portugal

20

Unha trintena de xogadores procedentes de diferentes puntos de Galicia, España e Portugal, entre os que se inclúen participantes de grande nivel e prestixio, medirán a súa precisión esta fin de semana na sede do Billiard Club Pool Pontevedra no Open Bola 9 – Festas de Verán 2022, organizado por esta entidade en colaboración coa Concellería de Deportes. O torneo dará comezo o sábado 27 de agosto ás 10:00 horas, xogarase na modalidade de doble KO, a 6 partidas gañadas, acadando as 8 prazas da grella final que se celebrará o domingo 28 aqueles que superen tres roldas pola parte de gañadores do cadro ou quenes o fagan gañando catro roldas pola parte de perdedores do cadro.


Entre os nomes destacados que tomarán parte neste Open Bola 9 figuran Antonio Fazanes, ex campión de Europa, ex campión de España en 5 ocasións e ex campión galego en outras tantas; Éric Rodríguez, xogador do Pool Pontevedra que ocupa o 1º posto no ranking galego absoluto de 2022, e varios xogadores que se atopan nos primeiros lugares do mencionado ranking: Daniel Román Garrido, Damián Ramírez Estévez (ámbolos dous do Pool Pontevedra), o portugués Telmo Torres, José Ángel Nogueira González e José Carlos Domínguez. Serán un total de 32 xogadores de billar que competirán polas 8 prazas desa grella final que se celebrará o domingo 28 a partir das 16:00 horas e que se disputará a 7 partidas gañadas e KO directo. Os premios para os finalistas serán:
1.º: 500 euros e trofeo; 2.º: 300 euros e trofeo; 3.º-4.º: 150 euros e trofeo; 5.º-8.º: 75 euros.


O Open foi presentado esta mañá no Concello nun acto de presentación no que participaron Antonio Fazanes, o presidente do Pool Pontevedra, Damián Ramírez, e mailo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen subliñou que o billar “é un deporte que pouco a pouco vaise abrindo camiño dentro da programación de actividades deportivas da nosa cidade”. “O deporte máis convencional xa ten as súas canles a través dos clubs, pero despois hai moitas disciplinas e actividades que son vistas como minoritarias, pero que no conxunto supoñen unha posibilidade de actividade física moi importante para Pontevedra. Non todo se reduce aos deportes tradicionais. En Pontevedra temos un abano de disciplinas que permite que a xente poida elixir entre un conxunto moi variado de formas de facer exercicio nun sentido amplo da palabra… O billar conta permite desfrutar de elementos como socialización, a compañía e a empatía”, sinalou o socialista.


Damián Ramírez destacou que este torneo é “un open internacional, no que participará algún xogador portugués e o resto de diferentes lugares de España e no que se fai un cuadrante de 32 xogadores no que hai que perder dúas veces para quedar eliminado”. Pola súa banda, Antonio Fazanes afirmou que “aínda que xa non estamos no nivel no que estivermos, a paixón é a mesma, sempre é un pracer estar neste tipo de torneos, co ánimo de facelo o mellor posible e motivado para gañar”.

Fazanes tamén salientou a calidade das instalacións do Billiard Club Pool Pontevedra, precisando que “da miña época a esta melloraron moito as condicións para o xogador: antes había moito billar nos bares, pero agora está máis profesionalizado e, se ben o número de xogadores diminuíu un pouco, os que hai son máis profesionais e van pola paixón de xogar billar, querer mellorar e dedicarlle horas”.


O torneo será retransmitido en streaming pola canle de Youtube do Pool Pontevedra e tamén poderá seguirse online na plataforma de Cuescore: https://cuescore.com/tournament/Open+Bola+9+-+Festas+de+Ver%C3%A1n+2022+-+Pontevedra/17444086.