Pontevedra logra conter o seu consumo de auga ao manter as medidas decretadas para a situación de prealerta

42
A edil do Ciclo da Auga, Carme da Silva, lembra que a situación segue a ser complexa, sen previsión de mudar, e fai un chamamento á concienciación de toda a veciñanza e das empresas
As últimas choivas caídas demostraron ser un «espellismo», tal e como indicara a concelleira a semana pasada, e o Lérez continúa vendo como diminúe o seu caudal aos poucos 

A concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva, comparece esta mañá en rolda de prensa para informar das últimas novidades ao redor da seca que está a padecer o municipio, amais de ofrecer novos datos sobre o estado actual do río Lérez e o sistema de abastecemento de auga.

A edil sinalou que as reunións de seguimento da seca serán celebradas agora os mércores —a reunión telemática entre os Concellos que toman auga do Lérez foi realizada inmediatamente despois da comparecencia— por «cuestións de operatividade» e explicou, tal e como xa adiantara a semana pasada, que as últimas choivas acontecidas «foron un espellismo que permitiu que subise o nivel do río durante uns días pero que agora xa volve estar nos niveis anteriores a ese episodio de choiva».

Onte, martes 23 de agosto, o caudal medio do río foi de 1,45 metros cúbicos por segundo, o que deixa entrever que o nivel segue baixando. «Cómpre dicir que as presas que hai auga arriba seguen cheas, e entre todas suman unha boa cantidade de auga, polo que haberá que ir ver como evoluciona e como podemos ir facendo», indicou Da Silva.

Sexa como for, Pontevedra mantense dentro da situación de prealerta, estadio no que o municipio leva xa varias semanas, polo que non se contemplan novas mudanzas nas medidas para diminuír o consumo de auga, se ben, por suposto, se segue estudando con cautela e prevención as que poderían chegar no futuro, no caso de que o río siga baixando.

Da Silva quixo lembrar que o bo estado da rede de abastecemento de Pontevedra é unha dos elementos responsábeis de poder seguir mantendo o nivel do río, a aproveitar cunha eficacia maior ao 90 % a auga que é recollida do Lérez, o que permite unha toma de líquido menor, máis eficiente e máis responsábel.

A edil tamén ofreceu os datos de consumo como tal. Do 9 ao 15 de agosto, foron consumidos, de media, 37.650 metros cúbicos ao día; na do 16 ao 22, o consumo baixou «tal e como era previsíbel», que pasou a ser de 36.606 metros cúbicos ao día; e no caso concreto do Concello de Pontevedra, o consumo medio da semana pasada foi de 14.826 metros cúbicos ao día, no primeiro período; e de 14.667 metros cúbicos ao día, no segundo. 

«Nótase que se está a facer un esforzo á hora de conter o consumo e mesmo reducilo», explicou Da Silva. «Todos os concellos están a traballar neste sentido. Os único concellos que subiron o consumo foron Sanxenxo e Bueu, que ten sentido, pois no caso do último antes tamén podía facer uso de mananciais propios pero tamén se viron afectados pola seca».