A Concellería de Promoción Económica busca mellorar a empregabilidade nos sectores do comercio, o turismo e a hostalería a través dun novo curso centrado no dominio de ferramentas de deseño de cartelería e novas tecnoloxías

50

Mellorar a empregabilidade das persoas participantes mediante o dominio de ferramentas de deseño de cartelería e novas tecnoloxías, así como fomentar o emprendemento e aumentar o potencial dos negocios do municipio, son os principais obxectivos do novo programa formativo ‘Desafío 2022. Comercio, turismo e hostalería de Pontevedra’, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa firma especializada en servizos avanzados de consultoría e formación Aselp Consultores. A iniciativa, coa que se busca promover a igualdade de oportunidades desde a perspectiva empresarial e reforzar o potencial dos beneficiarios en sectores económicos de gran relevancia neste municipio, traducirase en 40 horas teórico-prácticas e outras 40 de prácticas non laborais titorizadas en empresas, abordándose a Atención ao Cliente con Medios Dixitais, a Fotografía de Produto e o control dos programas de deseño Adobe Illustrator e Canva.


A acción formativa será impartida en modalidade presencial nas instalacións que Aselp ten no número 7 da Travesía da Eiriña (unha aula de 50 metros cadrados equipada con cadeiras, mesas, proxector, ordenador portátil e pantalla de TV grande) e estará limitada a un máximo de 15 participantes para poder garantir as distancias de seguridade. Tal e como aclara a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “o programa está destinado tanto a persoas traballadoras ocupadas, ás que se lles ofrecerán competencias técnicas profesionais específicas relacionadas cos sectores da hostalería e o turismo, como a persoas desempregadas en busca activa de emprego que busquen mellorar a súa empregabilidade ou desexen atopar novas saídas profesionais”. “Os sectores da hostalería, o comercio e o turismo víronse especialmente afectados pola pandemia. Con esta formación pretendemos capacitar ao alumnado para o desenvolvemento cualificado da profesión, cubrindo necesidades non cubertas polas empresas”, subliñou a concelleira do PSOE.


A formación desenvolverase entre o luns 26 de setembro e o venres 7 de outubro en horario de 16:30 a 20:30 horas e as inscricións poderán realizarse a través do teléfono 986 090 993, a dirección de correo electrónico info@aselpconsultores.com e a páxina web www.aselpconsultores.com (o enlace web estará dispoñible a partir deste venres 26 de agosto).