O programa Saltar na Rúa toma máximo pulo nunha VI edición que regresa á Praza da Ferrería e que presenta un cartel estelar

65

O atletismo volverá tomar as rúas de Pontevedra este sábado 27 de agosto pola tarde a través dun programa que coincide co peche de tempada e que nestes anos se ten convertido nun dos máis agardados e espectaculares do calendario estival. Saltar na Rúa toma máximo pulo nunha VI edición que (despois da experiencia na Ponte do Burgo) regresa ao corazón da cidade, á Praza da Ferrería, e que, se atendemos aos nomes dos deportistas que participarán, conta co seu mellor cartel de sempre.


Así, entre os participantes destacados figuran: en lonxitude, Jean Marie Okutu (FC Barcelona), olímpico en Río 2016 e campión de España absoluto en numerosas ocasións, e Andrea Villaverde (Sociedade Ximnástica), campioa galega absoluta; en triplo salto, Diego Míguez (Sociedade Ximnástica), campión galego absoluto, Anxo Blanco, campión de España sub 23 en 2018, Alfonso Palomanes, récord galego absoluto de triplo salto e campión de España absoluto en 2016, Uxía Paz (Celta), 4ª no nacional sub 23 de 2022, e Marina Artemia Pérez (Sociedade Ximnástica), bronce no nacional sub 16 de pista cuberta; e en salto con pértega, Luis Moro, récord galego absoluto, Tomás López (Sada), campión galego absoluto, e Nerea Fernández (Adas O Barco), campioa galega absoluta.


Uns atletas estelares que veñen a dar o mellor dos espectáculos nunha exhibición de saltos organizada pola Sociedade Ximnástica en colaboración coa Concellería de Deportes, que dará comezo ás 19:30 horas coa disciplina de lonxitude, continuará arredor das 20:00 horas co triplo salto e culminará en torno ás 20:30 horas coa pértega (o remate está previsto para as 21:00 ou 21:10 horas). O evento foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o coordinador do programa, Santi Ferrer, adestrador da Ximnástica, e mailo tenente de alcalde, Tino Fernández, quen asegurou que “xa na súa VI edición Saltar na Rúa tense convertido nun referente dentro da programación deportiva do verán, pero non só de Pontevedra, senón tamén a nivel galego e estatal”. “Para nós é un orgullo que este de iniciativas diferentes se vaian consolidando, porque nos axudan a xerar actividade física, cun evento que é tanto un final de tempada como un bo comezo de curso para as escolas deportivas que estarán en marcha dentro dun mes, e a ser un referente como cidade que anima a facer exercicio. Todo o que signifique sacar o deporte á rúa e divertirse facendo actividade física fai que a nosa cidade se converta nun referente a seguir”.


Tino Fernández agradeceulle á Sociedade Ximnástica o seu esforzo e colaboración, “xa que sen ela sería imposible levar ás nosas rúas eventos como este Saltar na Rúa, a San Silvestre ou o Medio Maratón”, ao tempo que convidou “a tódolos pontevedreses e xente que visita Pontevedra nestes días a que este sábado 27 pola tarde dean unha volta pola Praza da Ferrería para desfrutar dun evento distinto, esteticamente moi chamativo e que seguramente os animará a comezar o seu curso vital con gañas de facer deporte”.


Un evento que sobreviviu á pandemia trasladándose á Ponte do Burgo para evitar esas aglomeracións que agora regresarán á Praza da Ferrería

Tal e como sinalou Santi Ferrer, ao contrario do que acontece coas carreiras populares, as disciplinas de salto non soen sacarse á rúa “pola complexidade que ten” e, sen embargo, “nós comezamos con esta actividade aló polo 2017 e logramos celebralo de xeito ininterrompido, sobrevivindo á pandemia grazas ao apoio do Concello e ao traslado do evento cara a unha ubicación alternativa que evitou esas aglomeracións (a Ponte do Burgo) que agora si buscamos na Ferrería”. “Regresamos con moitas gañas de volver vivir ese ambiente do centro de Pontevedra -indicou o adestrador da Ximnástica- que é unha das prazas de referencia da cidade. Este ano contamos cun cartel de luxo, eu penso que o mellor das seis edicións. Á xente gústalle o evento, xa está consolidado, a nivel autonómico os atletas preguntan e mesmo algún que vive fóra de Galicia consúltanos se pode participar. Para nós é unha honra que este evento teña ese calado”.


Ferrer lembrou que “teremos aos tres recordmen absolutos de salto de lonxitude, triplo salto e salto con pértega, que serían Jean Marie Okutu, un atleta de Marín que estivo adestrando en Pontevedra practicamente toda a vida, olímpico en Río en 2016 e cunha marca de 8,17 metros; Alfonso Palomanes, récord absoluto en triplo salto con 16,21 metros, atleta e adestrador da Ximnástica, e a sorpresa desta edición, que é a o récord absoluto de salto con pértega Luis Fernando Moro, un atleta que é do Barco de Valdeorras, pero que reside desde hai moitos anos en Madrid”. Asemade, no plantel feminino, estarán no Saltar na Rúa as tres campioas galegas absolutas deste 2022: Andrea Villaverde, da Ximnástica, en lonxitude; Ariadna Gil en triplo salto, e Nerea Fernández en triplo salto.