O Campionato de Pesca Submarina Virxe Peregrina achégase ao cuarto de século cun evento que contará con medio centenar de participantes procedentes de distintos puntos de Galicia e España

63

Pontevedra e o deporte convertéronse nunha simbiose, case en sinónimo, e as disciplinas que se practican baixo a auga non son unha excepción. De feito, a practica do submarinismo está tan asentada nas Rías Baixas que o Campionato de Pesca Submarina Virxe Peregrina superou xa con creces a etiqueta de ‘clásico’ para acadar o vindeiro domingo 28 de agosto a que será a súa XXIV edición, cumpríndose así un cuarto de século desde que o Club Galego Turístico-Cultural Subacuático Sotavento decidira organizar esta competición en colaboración co Concello. O evento celebrarase un verán máis na Praia da Barrosa (San Vicente do Grove), na modalidade de infantería individual e rexéndose polo regulamento de pesca submarina da Federación Galega de Actividades Subacuáticas (Fegas), e contará este ano coa participación duns 50 buzos procedentes de diferentes puntos de Galicia e doutras comunidades como Asturias, Cantabria e Madrid.


O Campionato foi presentado esta mañá nunha comparecencia na que participaron o presidente da Fegas, Javier Núñez; o secretario do Club Sotavento, Héctor Costa; e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen salientou que se trata “dunha das probas máis veteranas desa programación estival de Pontevedra, que comezou hai un cuarto de século en colaboración co Concello, xa que nós tamén nos movemos ben pola auga, non só en terra firme”. Tal e como apuntou o edil do PSOE, o calendario deportivo da nosa cidade está lonxe de sufrir un parón durante o verán, con actividades programadas para cubrir todo o espectro de disciplinas durante o que queda de agosto e todo o mes de setembro, e este evento “foise consolidando pouco a pouco como un referente no que é a nosa programación deportiva de verán, de festas”. 


“Este Campionato, xa consolidado no noso cartel de eventos, vén cumprir esa dobre función que nos marcamos na programación de actividade física para superar os efectos que nos deixou a pandemia: o fomento dos hábitos saudables e a loita contra a depresión, a ansiedade e a tristeza. Agradézolle ao Club Sotavento o esforzo que fai por organizar este evento tódolos anos, posto que non é nada fácil. Unha cousa é facer unha andaina por unha ruta e outra celebrar unha competición no mar, con tódolos problemas de loxística que conleva”, asegurou Tino Fernández.


O presidente da Fegan destacou “o carácter solidario deste campionato”, que ademais de promover actividades saudables, destina o peixe que se captura “a obra social e benéfica”, mentres que o secretario do Club Sotavento agradeceu o respaldo de Federación e Concello de Pontevedra, “que sempre nos miman e están aí”. Héctor Costa lembrou que o evento mantivo a saída ao mar mesmo durante os anos de pandemia (só tivo que suspenderse a tradicional pesaxe de pezas na Praza da Verdura) e que, se ben a concentración de deportistas se fará na Praia da Barrosa, as capturas serán posteriormente trasladadas a Pontevedra arredor das 16:30 horas para realizar a pesaxe das mesmas, “onde despois tamén se celebra o acto de entrega de premios aos gañadores, o sorteo de agasallos e o tradicional pincho da Peregrina para contar as batalliñas do ano cos achegados e coñecidos e pasalo realmente ben”.


Segundo matizou Costa, “antes da pandemia estabamos arredor dos 60 participantes, coa pandemia caeron a 40 e este ano, xente de Cantabria, Asturias e Madrid xa se puxo en contacto con nós amosando interese en vir á proba, xa que é un open e calquera persoa federada do territorio nacional pode participar, e contamos con chegar a un mínimo de 50 participantes”.


A zona acoutada para a pesca será entre a Praia de Canelas e o Peirao de Pedras Negras

Como vén sendo habitual noutras edicións do Campionato de Pesca Submarina Virxe Peregrina, a concentración dos participantes terá lugar na Praia da Barrosa a partir das 8:00 horas, presentándose no lugar a documentación e formalizándose a inscrición. Ás 9:00 horas darase a saída para que cada deportista se desprace ás súas zonas de pesca co obxectivo de tentar capturar a maior cantidade de peixes que cumpran cos pesos establecidos. Ás 13:00 horas darase por finalizada a xornada de pesca e, despois de entregadas as capturas e depositadas nun camión isotermo para a súa correcta conservación, a comitiva desprazarase ata a Praza da Verdura para proceder coa pesaxe, a entrega de trofeos e o sorteo de agasallos para os participantes.


A zona acoutada para a pesca irá desde a Praia de Canelas ata o Peirao de Pedras Negras, en San Vicente do Mar. Os competidores deberán saír da auga na Praia da Barrosa (saír doutro punto e chegar a pé é motivo de descualificación).