A Vida é Movernos organiza rutas en bicicleta pola Xunqueira de Alba para nenos e adultos en colaboración co Club Ciclista Farto

163

O programa municipal A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes para recuperar o exercicio físico e o lecer ao aire libre tras o duro período de pandemia, tampouco para no verán, continuando a ofrecer á cidadanía un variado e intenso calendario de actividades para tódalas idades, estados de forma e posibilidades. Así, nesta ocasión, o departamento que dirixe o socialista Tino Fernández organizou, en colaboración co Club Ciclista Farto, unha actividade especialmente pensada para os amantes das dúas rodas: unhas rutas cicloturistas para nenos e adultos que se desenvolverán durante a vindeira semana.


Os roteiros darán comezo na avenida de Montero Ríos, discorrerán polo contorno natural da Xunqueira de Alba, atravesando vías de peregrinación xacobea, e regresarán novamente á Alameda, onde se lle dará a cada participante unha botella de auga e un plátano ao finalizar. Segundo explica Tino Fernández, “a primeira das dúas rutas terá lugar o xoves 25 de agosto entre as 10:30 e as 12:00 horas e está deseñada para nenas e nenos, mentres que a segunda, pensada para persoas adultas, celebrarase o venres 26 de agosto entre as 10:30 e as 12:30 horas”.


Todas aquelas persoas interesadas en participar poderán inscribirse de balde a través dos teléfonos 647 649 713 e 628 590 271, sendo o único requisito indispensable o de levar bicicleta propia. Tal e como sinala o concelleiro de Deportes, “os principais obxectivos destas rutas son os de fomentar o uso dun medio de transporte saudable como a bicicleta pola cidade e os contornos naturais, así como desfrutar e pasar un bo rato coñecendo en boa compañía os nosos marabillosos espazos naturais”.