Unha poda de emerxencia alivia o sobrepeso nas pólas do Carballo de Santa Margarida e garante a seguridade do tránsito pola estrada e a beirarrúa que discorren a carón da árbore centenaria

185

Unha poda de urxencia realizada esta mañá por especialistas da empresa Arbogal e os traballadores do Servizo Municipal de Parques e Xardíns coa axuda dun guindastre permitiu aliviar o sobrepeso existente nas pólas do Carballo de Santa Margarida, contribuíndo así a mellorar a delicada situación da centenaria árbore e a garantir a seguridade do tránsito rodado e peonil polo vial que discorre a carón da emblemática capela. As tarefas de poda conlevaron o despregue dun operativo coordinado no que tomaron parte técnicos de Concello e Deputación, Policía Local e Bombeiros, obrigando a cortar un treito do vial en dirección cara ao barrio da Seca.


Uns traballos que terán continuidade coa substitución dos puntais de emerxencia instalados polos Bombeiros por uns novos de carácter semiprovisional e que foron supervisados polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes; a concelleira de Protección Cidadá, Eva Villaverde; a directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Carmen Salinero; a xefa do Servizo Municipal de Medio Ambiente, María Formoso, e o xefe da Policía Local, José Manuel Duarte. Tal e como explicou María Formoso, “os puntais que imos instalar van ser máis fixos, pero aínda provisionais”, xa que “hai que facer un estudo en profundidade da árbore, de como queda despois das podas realizadas e de como está o estado da madeira que foi deteriorándose nestes anos, perdéndose bastante capacidade de tracción na póla”. “Posiblemente haberá que facer unha instalación permanente, pero teremos que ver como: se hai que poñer un piar central para facer un tirante ou algún tipo de piar en ‘v’… Con máis calma. O que imos efectuar agora será unha solución semitemporal e, a partir dos informes que se elaboren tras esta actuación, os propietarios deberán decidir que intervención definitiva facer”, apuntou a xefa do Servizo de Medio Ambiente.


A experta Camen Salinero fixo fincapé na importancia desta actuación urxente, posto que “a parte (da árbore) que ía cara á estrada era problemática tanto pola posibilidade de caída do carballo como de que calquera camión ou coche se puidese enganchar e arrincar pólas (de feito, xa había algunha desgarrada polo impacto dun camión)”. Ao seu xeito de entender, o que agora toca é axudar á árbore cos seus ‘achaques’ controlando as pragas que vai tendo, xa que “este ano ten máis minadores e o pasado tivo moita taphrina’ (tipo de fungo patóxeno que produce a coñecida como lepra das follas)”, sen aplicar demasiado tratamento, “porque está estabilizado”, pero si contribuíndo “a que as follas verdes que ten as teña ben e a pleno funcionamento”.


Un ecosistema atravesado por galerías de vacalouras


“Ten pólas moi afectadas -admite a directora da Estación do Areeiro-, porque realmente esta árbore é un ecosistema e aquí viven moitas larvas, insectos, fungos… O máis chamativo son as galerías de ‘lucanus cervus’ (vacalouras), que aparecen mesmo nas ramas máis finas. Hai que axudala para que teña as súas ramas e follas ben formadas, pero estes organismos van seguir vivindo aí. Ademais, de cara ao inverno é necesario equilibrar a poda para evitar que o carballo teña esta descompensación cara a un lado. Non obstante, esta árbore ten moitísimos anos e hai un montón de documentos de moitos anos, debuxos e fotografías súas, nos que, curiosamente, vese como a copa foi cambiando de orientación: isto que agora vemos orientado cara á estrada de Santa Margarida, noutros anos estivo cara á capela e noutros cara outro lado”.


Segundo sinalou o alcalde, “o que se está a facer é unha actuación coordinada de emerxencia para compensar o peso desa rama que estaba invadindo a estrada de Santa Margarida e que tiña certo perigo, xa que mesmo había algún camión alto que tropezaba co carballo, que podía desequilibralo e motivar que algunha póla caese no espazo público”. Para Miguel Anxo Fernández Lores, “hai que garantir que este carballo siga vivo durante moitos anos máis, porque é unha das árbores máis antigas de Galicia, probablemente a máis antiga de todo o concello, por iso está catagolada e depende da Xunta e da Igrexa o seu mantemento, e polo tanto se trata dunha árbore senlleira, especial, que supón un activo importante que temos na cidade”.


Puentes: “É un ser vivo que non vai vivir indefinidamente, pero imos tentar que estea con nós o maior tempo posible”


O concelleiro de Desenvolvemento Sostible lembrou que, aínda que se trata dunha árbore que é propiedade particular, da Igrexa Católica, e que está nun espazo particular, como é o adro da ermida de Santa Margarida, “o Concello, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e a Deputación veñen facendo un seguimento e un chequeo constante da árbore”. Iván Puentes subliñou que, froito de dito control, “no ano 2018 realizouse unha intervención que, entre outras cuestións, traduciuse na instalación de dous puntais que soportan as pólas máis pesadas da árbore e que teñen unha dobre misión: manter a árbore para que non se desprome e servir de testemuñas no caso de que o peso que soportan as ramas vaia aumentando e os puntais vaian combándose e cedendo”. “O martes pasado cumpriron a súa función -aclarou o edil do PSOE- e dixéronnos que a póla que dá á estrada aumentara de peso e que era necesario substituír ese puntal por outro máis axeitado ao peso da árbore. E iso é o que estamos a facer en coordinación coa Concellería de Protección Cidadá desde hai un par de días: primeiro, asegurar a árbore para que non se produzan accidentes, e posteriormente, alixeirar o peso da póla afectada cunha poda selectiva e proxectar un novo puntal para asegurala (que quedará instalado nos vindeiros días)”.


Puentes subliñou que “existe unha subvención solicitada pola Igrexa á Xunta de Galicia, dentro da liña de protección e conservación de árbores senlleiras de Galicia, para realizar unha actuación máis completa na zona, retirando parte do asfalto que circunda a árbore e permitindo a súa rega e osixenación, facendo unha poda máis extensiva de conservación e mantemento e aplicando tratamentos para evitar fungos e outros problemas que ten a árbore”. “O Concello -engadiu- vai seguir colaborando co propietario da árbore para conservar a un dos veciños máis antigos que ten esta cidade: 500 anos para os máis optimistas e sobre 300 para os máis realistas. É un ser vivo que, se fora unha persoa, poderiamos dicir que está en coidados paliativos, que ten unha idade moi avanzada e que sabemos que non vai vivir indefinidamente, pero temos que tentar que estea con nós o maior tempo posible”.