Pontevedra logrou reducir o consumo de auga respecto do ano pasado e continúa en situación de prealerta

16
O Concello segue a concienciar no consumo excesivo de auga e cerra as fontes ornamentais de circuíto pechado, que non se abastecían do sistema, como unha chamada de atención ao respecto da seca
A choiva destes últimos días, se ben foi un pequeno alivio, queda lonxe de ser unha solución para a problemática que está a vivir o municipio 

A concelleira responsábel do Ciclo da Auga, Carme da Silva, compareceu esta mañá en rolda de prensa para ofrecer os últimos datos e novidades ao respecto da seca que está a sufrir o municipio pontevedrés e que está a ter consecuencias no caudal ecolóxico do río Lérez, fonte de auga que abastece a Pontevedra e ao resto de concellos da ría.

A comparecencia foi previa á reunión de seguimento que están a manter semanalmente os concellos que se abastecen do Lérez, xunto con Augas de Galiza, que solicitou estar tamén nestas xuntanzas periódicas. «Continuamos vendo a evolución da mesma e seguimos preocupados», explicou Carme da Silva. «O río está hoxe nunha situación excepcional por mor das choivas destes días, pero está claro que isto é como abrir unha billa un momento e volver pechala. Non sabemos canto tardará o leito do río en volver estar baixo, pero todos sabemos que as chuvias de dous días non resolven unha seca e seguimos co mesmo problema que tiñamos».

Así, e tal como indicou a edil, se ben o río leva un caudal superior a 2,8 metros cúbicos por segundo, non deixa de «ser un espellismo momentáneo».

O Concello mantén todas as medidas que se contemplan na situación de prealerta e que levan vixentes desde a publicación do bando municipal, a finais de xullo. Porén, o Concello tamén decidiu pechar as fontes ornamentais como un paso máis na concienciación sobre o consumo de auga. Cómpre destacar que estas fontes non usaban auga como tal do sistema, senón que contan cun sistema pechado no que sempre están reutilizan o mesmo líquido. «Moita xente non o sabe, e pode deducir que están consumindo auga, polo que imos pechalas e estimular esa idea de concienciar e dar a entender que estamos nun estado de seca grave», sinalou a concelleira.

Doutra banda, Da Silva confirmou que xa foron realizadas as análises pertinentes para coñecer o estado da auga do Pontillón do Castro. O resultado destes controis foron positivos, e o líquido aquí almacenado podería ser utilizado no caso de ser necesario o día de mañá. 

Co fin de contextualizar o consumo actual de auga e os esforzos realizados ao longo das últimas semanas, a edil tamén ofreceu algúns datos e cifras de interese, en comparación ao ano pasado:

  • O consumo medio de auga entre o 20 de xuño e o 20 de agosto do ano 2021 foi de 32.200 metros cúbicos ao día, para todo o sistema —todos os concellos que se abastecen del—.
  • O consumo de Pontevedra, nese mesmo período, foi de 14.823 metros cúbicos ao día.
  • O consumo no sistema do 20 de xuño ao 15 de agosto deste ano foi de 34.816 metros cúbicos ao día, o que supón un incremento duns 2.700 metros cúbicos ao día, de xeito aproximado.
  • Ora ben, no caso de Pontevedra, o consumo medio foi de 14.225 metros cúbicos ao día, o que supón unha diminución duns 600 metros cúbicos cada xornada.

Tomando estes datos e o seu contexto, podería verse un incremento no consumo xeral, mais en realidade o esforzo que se está a facer é notable, xa que os concellos de Poio, Marín e Bueu teñen, de xeito habitual, outras fontes de auga para abastecerse, mais non están no mesmo estado este ano que no 2021, por iso «si que se nota unha contención no consumo tamén destes concellos aínda que pareza que consumiron moito máis, pero é que as súas fontes de abastecemento propias están peor».

Así, e para afondar na idea da contención e o a diminución do consumo en Pontevedra, cómpre sinalar que a única fonte de auga coa que conta Pontevedra é a do Lérez como tal. 

«Mantemos o noso chamamento a particulares, empresas e industrias para que contribúan a reducir o consumo porque é a única maneira que temos de conter o consumo o auga. O Concello de Pontevedra ten a súa rede en condicións estruturais óptimas, xa que non temos fugas cunha eficacia superior ao 90 por cento, polo que no noso caso só podemos tratar de aforrar auga a través destas medidas», sinalou a edil.