O Concello encarga un anteproxecto para converter a instalación da praza da Liberdade nun novo local social para a veciñanza

139
A Federación de Asociacións de Veciños Castelao de Pontevedra sería a que fixese uso do novo espazo renovado; na actualidade teñen o seu local no baixo da mesma praza
Ademais da reformulación deste equipamento tamén se realizará unha reforma na praza e das súas zonas verdes, co fin de que sexa unha continuidade do futuro local social 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá de luns, 8 de agosto, da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Dentro dos puntos tratados durante esta, a edil quixo facer fincapé na petición dun anteproxecto a un estudio de arquitectura local (NAN Arquitectos) para levar a cabo a reformulación do local que ten en propiedade o Concello na praza da Liberdade.

Este local municipal serviu no pasado de cafetería e até en dúas ocasións foi a súa concesión sacada a concurso, quedando deserta en ambas as dúas veces. «Fomos estudando novos usos desde aquel intre. Consideramos que na zona na que está sería unha moi boa idea facer deste espazo un novo local social. Para nós son instalacións importantísimas que funcionan como base fundamental para que a veciñanza se organice e se promovan máis actividades e, se ben temos unha rede potente, nesta zona da cidade non temos», explicou Gulías.

«Pensabamos tamén que sería unha boa idea ceder o uso deste local á Federación de Veciños Castelao, que reúne varias asociacións do municipio e o seu local, que tamén é do Concello, a parte baixa desta praza da Liberdade, sabemos que se lles quedaba pequeno», sinalou a edil. «Entendemos que esta cesión será altamente positiva».

Amais de estar encargado o anteproxecto para o local duns 130 metros cadrados que mantén a estrutura en bo estado —nun principio, a falta dun estudo fondo—, a portavoz do Goberno tamén explicou que foi solicitado un anteproxecto para a reformulación da praza e os seus espazos verdes. «Para nós a praza debe ser unha continuación do propio local social, é dicir, un lugar público onde a xente poida gozar, poida ter estancias longas e sirva de punto de encontro do barrio, aplicando todos os estándares cos que facemos as reformas neste Concello. Queremos facer unha obra que cumpra as expectativas de todos nós».

Co respecto ao local no que na actualidade usa a Federación Castelao, este quedaría para almacenaxe do propio Concello. Ambas as dúas instalacións seguirían sendo da entidade municipal, non se lle cedería a propiedade.