Itineranta, o espectáculo que converte Pontevedra nun enorme teatro, xa está a encher de fantasía as rúas da cidade

327
O Festival Internacional de Animación de rúa alcanza a súa XI edición cun cartel onde cabe música, pirotecnia ou clown
Existen catro rutas diferentes que percorrerán os diferentes puntos da cidade entre as 20 e as 00 horas dos días 3, 4 e 5 de agosto 

Pontevedra xa está a gozar do inicio dunha nova edición do único festival do país e do Estado de espectáculos itinerantes de rúa, Itineranta. Un gran intre dentro da programación da verán, un paréntese para o gozo e a sorpresa agochada detrás de cada esquina da cidade, entre o 3 e o 5 de agosto.

Todos os días, entre as 20 horas e as 00 horas, as rúas e prazas da Boa Vila pasan a ser un teatro urbano, pode que un circo, mesmo un sambódromo. Hai música, hai bonecos xigantes, hai fantasía e hai diversidade de artes escénicas da man dalgunhas das mellores compañías teatrais especializadas neste tipo de propostas con zancos, malabares, cabaret, batukada, performance, lume, pirotecnia, fume… Todo cabe en Itineranta.

Este ano, na súa XI edición, o Festival Internacional de Animación de Rúa, Pontevedra gozará das seguintes compañías e espectáculos:

Zanguango Teatro é unha compañía Fundada no ano 1993 e que vén producindo espectáculos tanto de rúa como de sala. O seu traballo baséase en técnicas de creación colectiva, no físico, o movemento, na utilización do espazo e o ritmo como eixos da acción dramática; tratando temas como o comportamento humano en todas as súas facetas, buscando a parte máxica, desconcertante e divertida das situacións máis cotiás e recoñíbeis. Al otro lado é un dispositivo sinxelo pero inesgotable que atrapa aos paseantes, retratándoos lúcida e lúdicamente. Convertendo ao público en actores e protagonistas involuntarios dunha historia real e imaxinada que se vai construíndo á vez que avanza o espectáculo, cun humor e unha ironía de seu.

Sorpresa e diversión, complicidade escénica, estética peculiar, liberdade e celebración festiva, raíces circenses, misceláneas de linguaxes e xéneros e unha profusa creación de imaxes se xuntan na forma e maneira de crear de Ale Hop. A Pontevedra chegan con The Clownpany, un espectáculo que recolle a arte dos máis de 35 anos de experiencia desta compañía.

La Fam é unha compañía de teatro de rúa que nace o ano 2014 na cidade de Vila-real (Castelló) da inquietude dun experimentado equipo de actores, actrices e músicos co gallo de traballar novos códigos e estéticas escénicas que transformen a rúa nun espazo non convencional. Así, Motorpunk é un espectáculo visual onde 6 intrépidos motoristas chegan coa súa música e con 3 impactantes motos de grandes dimensións á cidade. Un espectáculo concibido para percorrer as rúas a ritmo de punk.

Doutra banda, Hortzmuga teatroa é unha compañía de teatro profesional de Bilbao que desde 1989 aposta por un teatro artesanal, que faga mover as tripas, onde se critica e analiza o contexto social, que sorprenda e convide a reflexionar, que axite as conciencias dos espectadores espertando a súa curiosidade. Desta vez chegan a Pontevedra con Deabru Beltzak, polo que as dúas compañías máis emblemáticas de Euskalerria unen forzas para crear Senta, un espectáculo itinerante, musical e teatralizado que axita conciencias e esperta as rúas. Un buque pantasma, ninguén sabe onde está, ninguén sabe cara onde navega Senta, que toma o mando da tripulación para cantarlle ao mundo con forza. 

Sound de Secá é unha compañía de artes escénicas que xeran un vínculo emocional entre a percusión, o movemento, a voz e a interacción co público. Con Sabor logran dar forma a un show itinerante, uns personaxes que aparecen de xeito espontáneo na cidade para conducir ao público nun percorrido cheo de enerxía, tolemia e vitalidade; e onde é creado un diálogo a través do ritmo co espectador onde o contaxio é explosivo e inminente.

Logo dun aparatoso naufraxio, catro mariñeiros aparecen desorientados terra dentro, cun único obxectivo: atopar canto antes un porto onde embarcar. Nesa épica epopea pescarán quenllas, sobrevivirán tormentas, loitarán desternillantes batallas e arrastrasen aos espectadores por unha fervenza de disparatadas e absurdas situacións que ten como pano de fondo o sedutor mundo do mar… É a interesante sinopse de Glubs, o espectáculo creado pola man de Yllana e Nacho Vilar, e que tomará tamén as rúas da nosa vila chegado o momento.

Cía Sin Fin presentaron Los Piratas, un espectáculo de pequeno formato, que desenvolve un argumento para todos os públicos co seu barco, O Tritón, que busca facer rir e sorprender a través das técnicas de circo, de esgrima e humor cunn toque absurdo que interpretan os seus actores e actrices.

Con mási de dúas décadas de traballo, Yera Teatro trouxeron Meninas, unha cita onde a estética lembra a eses traxes de época con grandes cadeiras, namentres os rostros inspiran unha sensación de proximidade e melancolía poética. Unha ledicia chegada desde Granada.

Con Animarts, a vila gozou dun pirotécnico itinerante que utiliza a chécnica do correfocs, onde os actores percorreron as rúas en zancos dun metro de altura con pirotecnia participativa e acompañados por un dragón de 4,5 metros e un percorrido con numerosos efectos e un final piromusical, con voz en directo e un castelo de fogos artificiais. Unha tolemia viva e aplaudida, chamada Damonion.

Por último, o festival conta coa participación de Troula Animación, máis que recoñecida e recoñecíbel compañía galega, que quixo contar a historia d’ O estrano caso do dentista da rúa Brasov. 

Como é habitual, e mantendo o mesmo espírito que en pasadas edicións, haberá diferentes rutas:

  • Ruta A: Saída Montero Ríos – Praza España – Praza Peregrina – Chegada Ferrería
  • Ruta B: Saída Benito Corbal 21 – Peregrina – Ferrería – Curros Enriquez – Chegada Casino
  • Ruta C: Saída Teatro – Praza Teucro – Praza das Cinco Rúas / Praza de Mendez Núñez – Chegada Praza da Verdura
  • Ruta D: Saída Avda. Santa María – Casino –  Chegada Praza Curros Enríquez 
iti page 0002
Distribución dos espectáculos segundo as rutas e as horas.