Seis empresas optan á realizar a reforma do viario perimetral da Praza de Barcelos

90
Na Xunta de Goberno deste luns tamén foi aprobada a licenza para a realización de sondaxes arqueolóxicas manuais na antiga ferretería Varela, que será transformada nun local gastronómico 

O Concello de Pontevedra celebrou o pasado xoves a mesa de contratación da reforma dos viais perimetrais da praza de Barcelos. O proxecto conta cun importe base de 2.071.876 euros e ten como obxectivo tratar e mellorar os viais da zona, ampliando beirarrúas e expandindo a accesibilidade; e tamén serán mellorados todos os servizos soterrados da zona. A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, fixo tamén fincapé á hora de falar desta xuntanza técnica no traslado e soterramento do transformador eléctrico situado no mesmo centro de ensino do lugar.

Foron presentadas seis ofertas distintas, por parte de seis empresas: Casas, Xestión Ambiental de Contratas, Covsa, Prace, Elsamex e Oresa. Todas aceptan a mellora do proxecto inicial que é esa recolocación do transformador. Os traballos desta obra permitirán crear máis de tres decenas de empregos durante a súa execución.

Doutra banda, a portavoz local aproveitou a súa comparecencia semanal para dar conta da Xunta de Goberno celebrada esta mañá, reunión na que a maiores dos puntos de día foi tratada unha concesión de licenza definida como «interesante» pola mesma Gulías, é que permitirá a execución de sondaxes arqueolóxicas manuais no inmoble da rúa San Sebastián, número 17, e Don Gonzalo, número 4; máis coñecido como a ferretería Varela, que un promotor —Pepe Vieira— quere transformar no seu novo local gastronómico.

«Concedemos este luns a licenza urbanística para este paso», explicou a edil. «Cremos que é unha nova moi positiva porque entendemos que calquera licenza para un negocio dentro do centro histórico é un pulo para a dinamización da zona monumental a para o dinamismo económico, e máis aínda cando falamos dun local tan emblemático e tan grande. É certo que oxalá estes trámites fosen moito máis rápido, pero tamén é certo que pola súa situación é preciso ir con toda a cautela para protexer o patrimonio arqueolóxico».