A mini BTT de Salcedo chega á súa sexta edición con máis de 400 participantes apuntados para competir esta fin de semana

54
Organizada polo Club Ciclista Farto en colaboración co Concello de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Salcedo, a proba desenvolverase ao longo deste domingo 

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, presentou esta mañá, acompañado de Brais Dacal, director xeral do club Farto, e Anxo Gómez, coordinador da sección de BTT, a VI edición da mini BTT Comunidade de Montes Salcedo, que este domingo, 31 de xullo, a partir das 10 horas, fará súa a zona.

«A proba é xa un clásico do noso verán dentro das probas deportivas e de bicicleta que se celebran no noso Concello e estamos encantados de que se siga contando con nós para levala a cabo», sinalou o edil. «Estes rapaces van a competir, pero tamén hai unha ollada lúdica que o clube promove e que serve para fomentar un deporte que está a ter un importante crecemento e unha repercusión notable».

O club Farto confirmou que serán preto de 400 participantes os que estarán presentes na proba, cunhas idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos, divididos en tres categorías diferentes, o que derivará en tres saídas e tres quendas diferentes. Brais Dacal lembrou a importancia da sección BTT dentro do club, pois a metade das 125 licenzas coas que conta o equipo pontevedrés son desta modalidade. «Sacar adiante esta proba énchenos de honra, pois somos un dos motores do ciclismo galego e da cidade de Pontevedra. Estamos orgullosos do noso esforzo e dos patrocinadores e, por suposto, de todos os voluntarios, pais e nais, amigos do club, que nos axudan a que isto poida ser un éxito», sinalou o director.

Pola súa banda, Anxo Gómez comentou que esta é unha actividade «ao aire libre que se vive na natureza», polo que ten un extra que o diferencia doutras disciplinas deportivas, engadindo ese coñecemento e gozo do espazo natural e da súa conservación. «É un traballo conxunto o que permite que a sección BTT siga medrando e poida facer probas deste tipo».