O Campeonato de España Sprint Jóvenes Promesas reunirá a máis de 1.000 padexeiros e padexeiras no Pontillón do Castro

211
A cita deportiva será celebrada esta fin de semana, entre o 29 e o 31 de xullo, onde Galicia aportará unha cifra récord de participantes
O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, lembra que o piragüismo é un deporte estratéxico para a Boa Vila e que é unha honra ter a confianza da Federación Galega para promover este tipo de eventos en Verducido 

Pontevedra acollerá esta fin de semana o LIII Campeonato de España Sprint Jóvenes Promesas cadete e infantil. Trátase dunha cita que chega logo dunha «longa e proveitosa tempada de piragüismo», seguindo as palabras do edil de Deportes, Tino Fernández. «Vai ser o momento culminante desta xeira de actividades que vimos realizando no encoro do Pontillón».

A cita deportiva desevolverase entre o 29 e o 31 de xullo, e contará coas seguintes modalidades para homes e mulleres: K-1, C-1, K-2, C-2, K-4, C-4 e Paracanoe.

«Coido que é unha das máis importantes que teremos este ano en Verducido por mor da enorme cantidade de padexeiros e padexeiras que imos ter esta fin de semana», explicou na súa comparecencia o tenente de alcalde. «Estamos en cifras de récord, por riba dos 1.000 inscritos e inscritas, o que é algo histórico, desde logo neste tipo de competicións e, ademais, unha honra que se conte con Pontevedra para celebrar estes eventos a todos os niveis posíbeis; e, por suposto, unha responsabilidade pola nosa banda».

Fernández tamén quixo lembrar que «Pontevedra non descansará durante o verán en materia deportiva» co obxectivo de recuperar ese tempo perdido provocado pola crise sanitaria e a pandemia ao longo dos dous últimos anos. Nese sentido, o edil indicou que o Concello de Pontevedra seguirá a traballar nese camiño e agradece «á Federación Galega a súa confianza á hora de promover estes eventos na Boa Vila», unha cidade onde o piragüismo é «un deporte estratéxico».

O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, agradeceu á colaboración do Concello e do resto das administracións por promover o deporte e seguir facendo posíbel este tipo de citas. «O piragüismo está a vivir un bo momento, non temos máis xente facendo piragüismo porque non caben nas instalacións que temos e así podemos explicar como hoxe superamos esa marca de participantes e, ademais, tamén é a primeira vez que Galicia aporta 400 deses padexeiros e padexeiras».

Bea lembrou que Galicia conta cunha canteira «imparábel» e mesmo nesta fin de semana paga a pena sinalar que amais de en Verducido, os ollos tamén estarán postos en Dinamarca, dada a gran representación galega coa que se conta no Campionato de Europa celebrado neste país, na cidade de Silkeborg. «Debemos seguir traballando e gozar co noso deporte e cos novos nomes que comezan a súa carreira, que xogan, que compiten e que algún día competirán entre os mellores».