O Concello sinala que as obras na autovía A-57 deben ter o mínimo impacto no día a día da veciñanza da Canicouva

20
O edil Raimundo González amosou a súa preocupación polos cortes na EP-0001 ao longo de varias reunións coas diferentes administracións onde reclamou o mantemento dun servizo mínimo de transporte e melloras na propia estrada afectada
Doutra banda, transmitiu a petición da veciñanza de non cortar a estrada o día 3 de agosto, xornada festiva na parroquia pontevedresa 

O Concello de Pontevedra vén de manter ao longo das últimas semanas varias reunións con  diferentes administracións, amais de coa empresa xestora do servizo de transportes na zona, en relación cos cortes de tráfico na estrada de acceso á Canicouva desde Figueirido por mor das obras da autovía A-57.

Tal e como sinala o concelleiro Raimundo González, «o que se lle transmitiu a Transportes no seu día foi que de cortar o paso pola estrada, este feito non pode afectar aos autobuses e se lle debe procurar unha alternativa. Ese compromiso, o de manter o maior número de expedicións, aínda cun percorrido algo máis longo, está acordado».

Así, no caso de se producir novos cortes, as expedicións serán recortadas, mais haberá un mínimo imprescindíbel. Segundo o falado, serían escollidas para a súa suspensión aquelas que non teñen practicamente uso, manténdose aquelas que si contan cun uso máis intensivo 

Doutra banda, González explica que xa lle comunicará tanto a Fomento como á Deputación que no tramo da estrada no que se actúe como consecuencia das obras da autovía, deben ser ofrecidas unhas maiores condicións de seguridade e accesibilidade. «Pedimos que os carrís sexan de máis anchura, que haxa beiravías a ambos os dous lados da estrada e, ao mesmo tempo, sexan eliminadas algunhas das curvas que hai na estrada. En principio, e polo falado, todo isto é factíbel, o cal mellorará de maneira substancial a seguridade viaria».

Por último, o edil reclamou que que de proceder cun novo corte na estrada ese debería acontecer a partir do 4 de agosto, xa que o día 3 hai festa na parroquia.

González lembra que o Concello seguirá defendendo os veciños e veciñas, mais explica que as competencias recaen na Xunta, Fomento e Deputación. «Había certa inquietude na veciñanza e por iso actuamos, por iso falamos. Agardemos que o corte da estrada dure o menos posíbel e cause o menor número de molestias».