‘Cinema e Estrelas’ é un ciclo conformado por cinco proxeccións na praza da Pedreira con algunhas dos filmes máis relevantes dos últimos anos
‘Urbana Monte Porreiro’ volve levar a música até o miradoiro do barrio pontevedrés con catro concertos distintos entre o mércores 27 e o sábado 30 de xullo
A programación de verán sube unha marcha e entra na recta final do mes de xullo con dúas propostas distintas: películas ou cancións, unha elección difícil, en distintos espazos, mais que camiña polo mesmo camiño da cultura e o lecer das noites de estío.
‘Cinema e estrelas’ é o ciclo de proxección de películas na praza da Pedreira que regresa este ano 2022 e que durante cinco días permitirá gozar de cinco filmes diferentes en versión orixinal subtitulada.
As proxeccións desenvolveranse entre o mércores 27 e o domingo 31 de xullo, e sempre comezarán ás 23 horas, xa coa noite pecha. A selección de filmes deste ano permite coñecer algunhas das películas máis exitosas dos últimos anos, alén dun clásico atemporal como é Jour de Fête unha película francesa dirixida por Jacques Tati en 1949 que foi nomeada ao León de Ouro no Festival de Venecia en 1949.
A selección de películas e a orde de proxección é a seguinte:
- Mércores 27 – Jojo Rabbit (2019)
- Xoves 26 – Libertad (2020)
- Venres 29 – Parásitos (2019)
- Sábado 30 – Érase unha vez en… Hollywoord (2019)
- Domingo 31 – Jour de Fête (1949)
Pola súa banda, ‘Urbana Monte Porreiro’ aparece como unha das propostas máis frescas e estimulantes dentro da programación de verán. Cunha marcada aposta pola música urbana actual, poñendo ademais un ollo na escena do hip-hop galego.
Catro actuacións, en catro xornadas, entre o mércores 27 e o sábado 30. Todos os concertos comezarán ás 22 horas, no miradoiro de Monte Porreiro, coa seguinte distribución por días:
- Mércores 27 – Dios Ke Te Crew
- Xoves 28 – Ladilla Rusa
- Venres 29 – Son da Rúa
- Sábado 30 – Marc Seguí
Como é habitual, amos os dous ciclos son totalmente de balde.