O Concello aprobará este martes na Xunta de Goberno Local un plan de medidas excepcionais por mor da situación derivada da seca

67
Tamén será redactado un bando coas restricións e limitacións estimadas pola entidade municipal co fin de facer un mellor uso e aproveitamento da auga 
O Concello de Pontevedra emitiu un chamamento de reunión a todos os municipios que se abastecen en alta para analizar a problemática actual 

O Concello de Pontevedra aprobará este martes, na Xunta de Goberno Local, un plan de medidas excepcionais derivadas da situación actual de seca que está a sufrir o municipio. Tamén está previsto aprobar un bando municipal no que quedarán recollidas as restricións e limitacións estimadas oportunas para poder facer un uso máis responsábel da auga.

Tal e como se veu informando nos días anteriores, o nivel do río Lérez está nuns parámetros de preocupación, por debaixo do chamado caudal ecolóxico, feito que precisa dunha vixilancia constante.

Tendo en conta a situación actual, o Concello solicitou unha xuntanza co resto de municipios que se abastecen a través da traída en alta do Lérez co fin de analizala e tratala. A reunión está programada para ás 12.30 horas do vindeiro martes, 26 de xullo, nas dependencias do Concello de Pontevedra.