A rúa Luís Seoane recibirá unha reforma integral que logrará transformala nunha nova praza urbana para a cidade

399
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, sinalou que o proxecto conta cun orzamento de preto de 348.000 euros e converterá un vial sen saída nun espazo de convivencia de alta calidade
A rúa tamén renovará servizos, contará cun novo mobiliario, nova luminaria LED, dúas plataformas con varandas e un xardín vertical no final da mesma 

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, presentou hoxe en rolda de prensa o proxecto de reforma integral que o Concello de Pontevedra ten preparado para a rúa Luís Seoane e que permitirá transformar unha rúa sen saída nunha praza de alta calidade urbana na contorna da avenida de Vigo, un tipo de espazo do que carece na actualidade esta parte da cidade.

As actuacións previstas nesta rúa foron presentadas onte aos veciños e veciñas da zona nunha reunión no salón de actos do IES Torrente Ballester, e que, segundo as palabras do edil, «tivo unha moi boa acollida».

A reforma permitirá resolver os diferentes problemas detectados na rúa, como o excesivo número de vehículos que permanecían aparcados todo o día nesta, en ocasións mal estacionados ao invadir a beirarrúa; o mínimo espazo peonil, materiais antigos, a pouca iluminación do lugar ou os servizos  de pluviais e abastecemento que estaban pendentes de ser renovados.

Así, o Concello promoverá a instalación dunha especie de plataforma única, pero con dúas plataformas de 80 centímetros de altura que permitirán sortear o desnivel co que conta a rúa. O novo piso será de formigón continuo, adornado con prefabricados e baldosas; un material que emite menos gases invernadoiro no momento de fabricación e no momento da instalación ca o asfalto, ademais de contar cunha mellor eficiencia térmica. 

O novo espazo de convivencia contará con novo mobiliario urbano, construído cunha combinación de madeira e aceiro cortén, e que contará con cargadores USB pensando nas novas necesidades da cidadanía. Os bancos a papeleiras propostos no deseño inicial estarían elaborados por unha empresa local e se ben a empresa que execute o proxecto o día de mañá pode poñer outros, deberán ter as mesmas características que os ensinados.

No final da rúa, na zona que limita con Manuel Colmeiro, serán colocadas luces LED no Chan para «favorecer que non haxan sombras que provoquen problemas de accesibilidade amais de seren un elemento de embelecemento que poderían ser semellantes ás instaladas na Ponte do Burgo». Diante por muro deste tramo será construído un xardín vertical que contará con dez tipos de flores distintas. 

O proxecto conta cun orzamento próximo aos 348.000 euros.

Luis Seoane plano
Plano do proxecto para a rúa Luís Seoane.
Luis Seoane 3 1
Recreación do aspecto final da reforma.