O Concello sinala que a captación de auga de Ence no Lérez non é compatíbel co abastacemento dos municipios da ría

217
O abastacemento está garantido após a parada da fábrica ordeada pola Xunta de Galicia ao estar o río Lérez por debaixo do seu caudal ecolóxico
Todos os concellos da ría captan 5,8 millóns de metros cúbicos anuais, namentres a fábrica de Lourizán toma do río entre 12 e 17 millóns   

A edil responsábel do ciclo da Auga, Carme da Silva, compareceu esta mañá de xoves, 21 de xullo, para ofrecer diversas consideracións ao respecto da situación de seca que xa leva tempo sendo un motivo de preocupación e vixilancia, amais de ofrecer unha análise dos datos en relación co nivel do río Lérez, que este mes de xullo tivo unha importante baixada no seu nivel, en contraste con outros anos.

«Desde hai bastante tempo facemos un seguimento diario do nivel do río para comprobar se a situación require ou non medidas de restricións de subministro e consumo», sinalou da Silva, que indicou que este xoves o dato do caudal (metros cúbicos por segundo) era de 1,55, onte 1,66 e antonte 1,20 —de media—; sendo o caudal mínimo, 0,87, 1,04, 0,99 —na mesma distribución de días—. «É algo que se vén repetindo nos últimos tempos: uns niveis moi baixos. O caudal mínimo ecolóxico do río Lérez é de 1,516; polo que cos datos enriba da mesa vemos que temos uns datos moi por debaixo do que chamamos caudal ecolóxico do río, razón pola cal Augas de Galiza xa lle comunicou a Ence que debe reducir o consumo para garantir este caudal».

A concelleira lembrou que o abastecemento debe estar garantido e co consumo da fábrica non sería posíbel facelo en exclusiva a través do Lérez. Porén, a edil tamén quixo indicar que os concellos que se abastecen desta subministración «deben mellorar as redes par evitar perdas». Nese sentido, puxo o exemplo de Sanxenxo, que é un Concello que conta cun rendemento da rede do 63,3 %  —o de Pontevedra é do 91,11 %, estando estipulado por lei que é obrigatorio ter un rendemento mínimo do 80 %—. «Isto quere dicir que moitísima auga da que se lle subministra a Sanxenxo acaba por perderse. Facemos un chamamento para que os Concellos revisen as súas redes e fagan as obras necesarias para mellorar a eficacia da súa rede e non teñamos que captar auga nunha situación de seca, potabilizándoa, para logo perdela e non chegue a onde ten que chegar», explicou da Silva, que tamén indicou a posibilidade de que estes municipios tomen medidas de aforro.

Da Silva lembrou que os concellos da ría de Pontevedra captan 5,8 millóns de metros cúbicos ao ano —así foi no 2021—. O consumo de Ence está estimado entre 12 e 17 de millóns de metros cúbicos anuais, segundo os datos ofrecidos pola mesma empresa e a concesión aprobada pola Xunta de Galicia —que é de 0,6 m3/s—, o que sería o dobre ou o triplo do que consumen todos os municipios que precisan a auga do Lérez. «O abastacemento está garantido e con carácter xeral o sistema é robusto, pero o que non é compatíbel e continuar cun sistema do que Ence capta esas cifras de auga anuais».

«Hai que tomarse moi en serio o abastecemento de auga, sendo tamén os Concellos responsábeis de tomar as medidas necesarias para mellorar a eficacia deste. Pontevedra ten os deberes feitos, por iso pide a aqueles que non os teñan que os fagan con urxencia, pois non podemos perder auga que acaba de ser captada do sistema», indicou a concelleira. «Nunha situación de cambio climático na que estamos, e que isto pode ser un feito que se repita nos anos vindeiros, queda clara a incompatibilidade da fábrica de Ence co sistema de abastacemento de auga».

Doutra banda, a semana que vén será aprobado un bando municipal coas medidas que debe adoptar a poboación en caso de ir a peor a situación provocada pola seca. Polo momento, simplemente se está a aconsellar. «No caso de termos que tirar da auga de Pontillón, pasaremos do consello á prohibición, limitando accións como o lavado de coches coa traída da auga municipal, o rego ou usar esta auga para encher unha piscina».

O Concello presentará alegacións aos pregos para a licitación do servizo do ciclo de auga de Sanxenxo

Logo de ser estudado polos técnicos municipais e xurídicos do Concello de Pontevedra, o organismo local presentará unha serie de alegación aos prego para a licitación do servizo do ciclo da auga de Sanxenxo, en exposición pública na actualidade. 

«Son varias cuestións técnicas de incumprimentos sobre os períodos de amortización dos investimentos ou sobre como se revisan os prezos, pero sobre todo teñen un que para o Concello de Pontevedra é moi grave, que é o propio prezo», indicou Carme da Silva. «Estes pregos establecen que Sanxenxo se subministra por dúas vías: polo Umia e polo abastecemento en alta desde Pontevedra, e establece uns prezos para a compra de auga para Pontevedra de 0,1 euros por metro cúbico».

O Concello de Sanxenxo estima estes prezos en función dunha captación que teñen na ETAP de Couso, pero o prezo que estima o Concello de Pontevedra neste momento para o abastecemento en alta é de 0,183 euros por metro cúbico, claramente distinto ao proposto polo Concello veciño. «Din que está pendente de resolverse por vía xudicial, pero non é certo; non hai ningún asunto xudicial pendente. O único tema aquí é que Sanxenxo non quere pagar a auga ao prezo que custa, e paga o que lle dá a gana. Se isto aparece fixado nos pregos, isto suporía dar pasos na fixacións duns prezos que non se corresponden cos que deben pagar pola auga captada desde Pontevedra».