Carmen Salinero Corral, pregoeira das Festas da Peregrina 2022

95
A investigadora, nada no 1957, é a actual directora da Estación Fitopatolóxica de Areeiro amais de ser presidenta da Sociedade Española da Camelia

A lectura do pregón está prevista para o sábado 13 de agosto, ás 12.00 horas, na balconada do Pazo de Mugartegui 

Benvida hoxe no Concello de Pontevedra polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Festas, Carme da Silva, Carmen Salinero Corral foi recibida con agarimo como pregoeira das Festas da Peregrina deste 2022. É, na actualidade, directora da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e presidenta da Sociedade Española da Camelia.

O rexedor da Boa Vila comentou que estaban «moi orgullosos de que aceptara ser pregoeira, ao ser unha persoa moi coñecida e recoñecida por moitas cousas». «É unha persoa que lle quere a esta cidade, que traballou poñendo en valor o noso patrimonio, neste caso o da Camelia, pero tamén é imprescindíbel o seu traballo na Estación Fitopatolóxica de Areeiro», sinalou Fernández Lores. «É unha muller sempre disposta a colaborar, e dun tempo a esta parte ten unha paixón que son as árbores de Santa Clara, que como todos os pontevedreses, anda namorada deste lugar, no seu caso coa idea de poñer en valor este espazo natural».

O alcalde destacou que a súa elección como pregoeira pon en valor o papel da muller dentro da investigación científica, o que resalta a potencia que ten Pontevedra nun campo no que «a muller cada vez ocupa máis, e debe ocupar máis». 

Pola súa banda, a edil de Festas reiterou o agradecemento na aceptación á hora de dar o pregón deste ano, «algo moi importante para as mulleres e a investigación na Galiza, máis aínda agora que moitas rapazas están decidindo que van facer, que van estudar no seu futuro; animalas a que escollan o camiño da ciencia e da investigación, que de seguro encherán as súas vidas de satisfacción».

Carmen Salinero comentou que sempre tivo claro que quería ser investigadora, pero que xamais pensou que sería pregoeira das Festas da Peregrina, unha alegría que compartiu no seu momento coa súa familia, sendo esta unha honra «que formará parte do meu currículo». «Isto é como traballar en investigación e… non sei, recibir un gran premio. Aínda estou nerviosa, de verdade».

A lectura do pregón será realizada o sábado 13 de agosto na balconada do Pazo de Mugartegui, espazo recuperado para este acto logo da desaparición das medidas sanitarias impostas pola pandemia.