Os traballos de rehabilitación da Casa Consistorial recuperan a luz natural para as estancias interiores do edificio

52
O alcalde e a concelleira de Réxime interior realizaron esta mañá a primeira visita para comprobar o avance da reforma integral deste espazo que se recuperará para a cidade
Polo momento, a limpeza do interior xa permite albiscar a amplitude real das estancias e a recuperación dalgúns elementos agochados como rodapés orixinais do século XIX 

A rehabilitación integral da Casa Consistorial e a súa recuperación como un espazo aberto ao servizo da veciñanza de Pontevedra está un chisco máis preto. O comezo dos traballos xa deron os seus primeiros froitos en forma dunha limpeza e liberación do espazo interior do edificio no seu primeiro andar, e que sorprendeu de xeito positivo na visita institucional que hoxe o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Réxime interior, Anabel Gulías, realizaron.

Esta visita de carácter técnico permitiu coñecer o avance das obras da man dos arquitectos responsábeis do proxecto e da construtora pontevedresa encargada da súa execución. Os representantes do Concello camiñaron polo interior do edificio que xa sufriu un cambio realmente notable e identificable tal é como queda demostrado primeira ollada, ao perder a maioría dos elementos que bloqueaban até agora a entrada de luz natural.

«Estamos vendo as primeiras obras de recuperación dun dos edificios máis emblemáticos da cidade e que queremos recuperar para a veciñanza, poñendo o foco no edificio orixinal, o ideado por Sesmeros, e que conecta a zona monumental coa nova Pontevedra que se abría cara a Alameda», sinalou o rexedor. «Estamos descubrindo moitas cousas, como a luz impresionante que tiña o edificio e que queremos respectar; amais dos arcos que conectan o edificio todo ao redor, que estaban tapiados… hai mosaicos pintados, tamén».

O alcalde comentou que a preocupación máxima e inicial era a de dotar ao edificio de accesibilidade universal, e lembrou que o obxectivo desta reforma é que a Casa Consistorial volva ser «a casa do pobo, tal e como se fixo no seu momento». «A segunda fase da reforma, que sería a do semi soto, aínda está por estudar, por iso remataremos primeiro estas plantas. Non temos présa. Esta é unha obra o suficientemente importante como para ser estudada con calma e para que quede para moitísimos anos. Un mes máis ou un menos menos para o seu remate non é importante. De momento vai ben e imos avanzando, calculamos que ao longo do ano 2023 poidamos inaugurala, e se pode ser no primeiro semestre, mellor».

O arquitecto municipal, Ángel Velando, sinalou que é típico que nestes edificios se realicen diferentes engadidos ao longo dos anos, polo que agora o proceso primeiro é o de limpeza, «deixar os elementos que nos darán pé á fase final de rehabilitación». Entre as sorpresas aparecidas están uns «zócalos pintados do século XIX que son bastante interesantes, moi da época».

«Na medida que desaparecen tabiques e paredes enténdese moi ben a circulación real do edificio, e unha vez comezou o desentullo percíbese esa luz orixinal que teñen os espazos, que na reforma do 43 perdemos, polo que agora sorprende de xeito especial», sinalou o técnico municipal.

Doutra banda, Gracia Amandi, arquitecta encargada do proxecto, lembrou que é unha oportunidade máis que interesante poder traballar nun edificio tan emblemático, «o que xera unha enorme responsabilidade, xa que é para toda a cidade». Indicou que a maior problemática foi resolver todo o relacionado coa accesibilidade sen perverter a «esencia do edificio».

Así, os elementos protagonistas do futuro edificio reformado serán os que foron no seu día, polo que se traballará con madeira, cantería, o branco, a eliminación de chapados innecesarios, a recuperación da luz e a implantación de novos usos, creación de aseos con espazos para a lactancia materna, tamén para persoas ostomizadas; «estamos traballando para que sexa un edificio que poida usar o maior número de xente posíbel». «Queremos facer un edificio atemporal, cunha linguaxe actual, que continúe no tempo».