O Festixeve volve mañá a Santo André de Xeve e contará coa actuación de Ses

413

Están programadas actividades infantís, rastrexos, unha exposición da Asociación Recriativa de Xeve, un xantar popular e música a cargo de charangas, gaiteiros, picadiscos e os concertos de Ses e Sanjurgo, Dopico e Cardalda. 

Pontevedra non para! Mentres a cidade se prepara hoxe para celebrar o XXVIII Festival Internacional de Jazz e Blues na praza da Ferraría, a programación festiva trasládase mañá ao Campo de Vilar de Fragoso de Santo André de Xeve para recuperar o Festixeve! Xogos, exposicións, degustación de produtos típicos da terra e, sobre todo, música forman a programación do Festixeve que chegará coa actuación estelar de Ses.

A Concellaría de Festas colabora coa Asociación Recriativa de Xeve na organización das actividades, que comezan mañá, 21 de xullo. A partir das 19.00 está programada unha sesión de xogos para crianzas, así como Cantos de taberna e música tradicional con Fervellos do Pío.

O venres, 22 vólvense a convocar actividades infantís, e a oferta festiva dese día complétase cun Campionato de rastrexo e a actuación dun picadiscos.

O sábado 23 de xullo, inaugúrase a exposición dos 25 anos da Asociación Recriativa de Xeve, unha entidade moi arraigada na parroquia e con moita actividade e vinculación na cidade xa que son os encargados de crear o Ravachol e participan cada ano no desfile da Feira Franca.

A actividade infantil do sábado serán inchables que se abrirán a partir das 18.00 horas, e ás 22.00 horas están programados os concertos de Sanjurgo, Dopico e Cardalda, e de Ses. O fin de festa correrá a cargo dun picadiscos.

O domingo, o último día do Festixeve, recupérase o xantar popular no Campo de Vilar de Fragoso, así como a actuación dos Gaiteiros das Rías Baixas e xogos populares para todas as idades a partir das 13.00 horas. Tamén está programa da actuación de Pulpiño Viascón e música da charanga Charandonga, durante a tarde, mentres se ofrece aos participantes na festa unha degustación de empanada e rosca.

As actividades infantis serán inchables e festa da escuma de 16.00 a 20.00 horas.

Máis info: cultura.pontevedra.eu/festas