Unha mostra do mellor jazz e blues do mundo fará da Ferraría o seu fogar coa volta do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra

206
A cidade recupera o formato libre e de gran tamaño cunha serie de concertos de evidente relevancia a celebrar entre o 20 e o 24 de xullo 
A edición deste ano amosa un firme carácter feminino grazas á presencia de tres compositoras e instrumentistas da altura de Andrea Motis, Ida Nielsen e Samantha Fish 

Cumprindo 28 anos neste 2022, e logo de dous anos sen poder ser celebrado, o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra volve a súa casa, unha praza da Ferraría que contará cun escenario preparado para acoller algúns dos nomes máis relevantes do jazz e o blues actual da man de André B. Silva (The Guit Kune Do), Andrea Motis, Jeffery Davis, Ida Nielsen e Samantha Fish.

Logo da crise sanitaria provocada pola pandemia e as lóxicas dificultades de produción que chegaron con ela, Pontevedra poderá volver gozar, entre o 20 e o 24 de xullo, dunha serie de concertos de primeiro nivel, que este ano, ademais, terán un marcado carácter feminino coa presencia de até tres mulleres na programación oficial, compositoras e instrumentistas, posuidoras dun currículo impresionante, ao traballaren no pasado con reputados artistas como Quincy Jones —no caso de Andrea Motis— ou con Prince —no caso de Ida Nielsen.

Todos os concertos serán de balde, e alén da presencia de músicos internacionais, tamén haberá melodías executadas por músicos galegos, como é o caso de The Guit Kune Do, onde Virxilio da Silva estará presente. Doutra banda, e seguindo unha xa case tradición, o jazz pola rúa chegará da man da Street Band Chivinjazz, que pasearán e tocarán polo centro da cidade ás 12.30 horas e ás 20 horas.

«Chega unha cita que xera moitísima expectación e que volve con toda a súa intensidade na 28 edición do Festival Internacional de Jazz e Blues», sinalou a concelleira de Festas, Carme da Silva, na presentación realizada esta mañá de venres. «Tivemos formatos e ocos para o jazz e o blues ao longo dos dous últimos veráns, pero en formatos máis reducidos, e quedou demostrado que podiamos ter concertos fabulosos, cos músicos locais e galegos, quedou patente a calidade musical da cidade; mais o festival é internacional, e así recuperamos ese carácter sen restricións».

«Van ser cinco días de actuacións no corazón da cidade de Pontevedra, todos comezarán ás 22.30 horas e tanto polas mañás como polas tardes gozaremos ao poder atoparnos pola rúa cos pasarrúas da Street Band Chivinjazz», comentou a edil. «En todo caso, é unha alegría estar hoxe presentando aquí este festival e ademais facelo de dúas persoas que están detrás desta cita, como son Paco Charlín e Alberto Lastres».

Charlín indicou a felicidade que sentía derivada da volta do festival, e a recuperación do seu carácter «internacional», ao tempo que definía aos artistas que neste participarán como «estrelas». Pola súa banda, Lastres incidiu na «ledicia enorme» que lle produce a recuperación da cita e «facelo no formato da praza da Ferraría, un formato que é o que merece un festival con esta historia, como é o noso».