Parques e Xardíns reforza a súa brigada coa contratación dunha vintena de persoas que se atopaban en situación de desemprego e de alta como beneficiarias da Risga

26

As brigadas de mantemento do Servizo Municipal de Parques e Xardíns veñen de reforzar o seu cadro de persoal coa contratación dunha vintena de persoas que se atopaban de alta como demandantes de emprego e como beneficiarias da Renta de Inclusión Social de Galicia (Risga). Esta incorporación, impulsada de xeito conxunto polas Concellerías de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Benestar Social co obxectivo de ofrecer unha oportunidade de inserción laboral e social a cidadáns en situación vulnerable, conta con subvencións de entre un 50 e un 75% por parte da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.


Á hora de realizar a contratación solicitóuselle ao Servizo Público de Emprego Estatal (Sepe) unha relación de persoas nesta situación de alta na Risga (unha prestación pública destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, así como a conseguir progresivamente a súa autonomía e integración social e laboral), levándose a cabo posteriormente un procedemento de selección a través dunha comisión conformada por técnicos dos Servizos Sociais e de Persoal do Concello, incluíndo a realización de entrevistas persoais. Tal e como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “os traballadores incorporados ao Servizo de Parques e Xardíns, contratados por un prazo de 9 meses, xa están a efectuar os seus primeiros labores de mantemento e coidado das zonas verdes de Pontevedra”.

“Á marxe de supoñer unha importante oportunidade de inserción laboral para persoas cun contexto socio económico complicado -asegura o edil do PSOE-, esta contratación supón un tremendo reforzo para unhas brigadas que teñen oito traballadores en plantilla, o que se traducirá nunha mellora do estado de conservación das zonas axardinadas da cidade, especialmente nesta época do ano de altas temperaturas, na que se produce un uso máis intenso dos nosos xardíns e resulta máis complicado ter os céspedes e plantas en condicións óptimas”.