A Vida é Movernos pon en marcha este sábado en Monte Porreiro unha iniciativa que busca espallar a febre da danza polos barrios de Pontevedra

326

En converxencia coa filosofía do programa municipal A Vida é Movernos, animar a xente de tódalas idades a facer actividade física ao aire libre e a pasar un bo rato é o principal obxectivo da iniciativa ‘O Baile vai por Barrios’, que pretende achegar a danza e o baile aos barrios de Pontevedra. Unha actividade organizada pola Concellería de Deportes e Saúde en colaboración coa escola Getting Jiggy Dance Studio que desenvolverá o seu evento inaugural este sábado 16 de xullo, en horario de 20:00 a 23:00 horas, na Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro.


Será un verdadeiro maratón de danza e shows que incluirá aulas de hip hop, cardio latino e baile latino en parella e que culminará cunha festa latina na rúa. Un evento aberto aos cidadáns que desexen participar, totalmente de balde e coordinado polos bailaríns e coreógrafos Verónica Aboy e Luciano Gomes, aos que avalan numerosos traballos realizados a nivel nacional e internacional, a formación de bailaríns, premios en diferentes concursos e a creación de espectáculo para todo tipo de público.


O evento, que foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron Aboy, Gomes e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, arrincará cunha clase de hip hop de nivel iniciación, seguida doutra de cardio latino de nivel aberto. A partir das 21:15 horas, Verónica Aboy e Luciano Gomes protagonizarán unha aula de baile latino en parella de nivel iniciación duns 45 minutos, que dará paso a un show a cargo da escola Getting Jiggy e, entre as 22:15 e as 23:00 horas, a unha festa latina na rúa.


Tal e como explicou Tino Fernández, “A Vida é Movernos tampouco para durante o verán e é un proxecto que naceu para transmitir a necesidade de facer actividade física e, sobre todo, de recuperar o gusto por vernos, por ocupar de novo os espazos públicos e por facer cousas todos xuntos, e consideramos, porque a práctica así o amosa, que o baile é unha das actividades máis solicitadas e demandadas”. “O baile -asegurou o edil do PSOE- ten a dobre característica de seren unha actividade física importante, sobre todo se se fai ben, e tamén unha forma de socializar e de traer alegría ao conxunto da poboación. Cando un baila, síntese ben, contento, satisfeito, e polo tanto, esa parte de A Vida é Movernos destinada a loitar contra a tristeza e a depresión, cúmprese totalmente cando se organiza un evento como este”.


Para Fernández, ao igual que se está a facer cos talleres de Musicoterapia (que percorren locais de diferentes asociacións socio sanitarias e fogares de maiores), “un ano despois de que A Vida é Movernos se puxese en marcha precisamente cunha actividade de baile, é o momento oportuno para trasladar este evento de baile ao barrio máis importante que ten Pontevedra, que é Monte Porreiro, unha zona moi poboada con veciños que sempre amosaron unha enorme capacidade de mobilización e de facer cousas”. Segundo avanzou o socialista, “agardamos que se a idea frutifica e é un éxito, como agardamos, poidamos levala a outros barrios e zonas de Pontevedra, porque sempre que bailemos imos estar contentos e iso é un dos eixos de traballo desta etapa de A Vida é Movernos”. “Animo aos veciños e veciñas de Monte Porreiro, e aos que non son de Monte Porreiro, a que se acheguen este sábado a partir das 20:00 horas á Praza de Europa para desfrutar dunhas horas de ledicia”.


Verónica Aboy indicou que o evento se traducirá “en tres clases de media hora de duración cada unha: a primeira de hip hop enfocada a calquera tipo de idade, para poder coñecer os movementos básicos; despois unha de cardio latino, para mover o esqueleto e suar un montón, e logo unha de baile en parella, coa que comezaremos a amenizar un pouco a festa”. “Tódalas aulas -precisou a responsable de Getting Jiggy- son abertas ao público e haberá unha zona preparada para que a xente poida bailar e facer as clases con tranquilidade e cun bo espazo. O evento rematará cun show dos alumnos da escola e cunha festa latina para que todo o mundo se sume e o pase ben. Serán tres horas intensas de moito baile e de diversión”.


Luciano Gomes afirmou que agarda a todo o mundo neste evento “para dar alegría ao corpo e tamén á alma”.