Pontevedra acollerá esta fin de semana o Campionato de Europa de Fútbol Gaélico, unha cita con 400 máis de participantes

38
Todos os partidos contarán cunha entrada de balde, figurando a Boa Vila e os campos Manolo Barreiro na Xunqueira e o de Monte Porreiro como os escenarios para o torneo Championship
Os torneos serán desenvolvidos ao longo de dúas xornadas, o venres 15 de xullo e o sábado 16 de xullo, contando coa participación de 25 equipos, masculinos e femininos 

O Concello de Pontevedra, xunto co de Poio, servirá de escenario para acoller esta fin de semana que está por chegar o Campionato de Europa de Fútbol Gaélico. Unha cita que traerá 400 deportistas dispostos a demostrar a súa forza e habilidade.

Así, até 25 equipos masculinos e femininos competirán na terceira edición deste campionato que supera a marca de participación, xuntando xogadores e xogadores de toda Europa. Na práctica, as actividades deportivas serán celebradas ao longo de dúas xornadas, o venres 15 e o sábado 16 de xullo, cun torneo absoluto nomeado Championship. Que terá lugar no campo Manolo Barreiro de A Xunqueira e o campo de Monte Porreiro. 

Doutra banda, está programado o torneo Development, coas seleccións en desenvolvemento —que están comezando ou iniciándose con este deporte— e que será celebrado no campo da Seca, en Poio.

Todos os partidos serán de balde e non precisarán de ningunha entrada para ao seu acceso. Ademais, tamén poderán ser seguidos a través da YouTube, onde será realizada unha retransmisión ao vivo —por streaming—. Cómpre sinalar que a Televisión de Galicia tamén ten previsto cubrir as finais na súa segunda canle.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que as dúas edicións do campionato foran celebradas en Alemaña e na Bretaña, e que a cidade «está encantada de poder acoller este evento», sendo exemplo de novo dunha cidade que aposta polo deporte e a actividade física, e que tamén tenta ser diversa nas disciplinas deportivas para as que serve de escenario nos seus campionatos e eventos.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, tivo unhas palabras semellantes, sinalando que o Concello sempre tratará de axudar e apoiar a difusión de deportes «minoritarios, pero que son deportes que encantan e cos que a xente goza». «Pontevedra é unha cidade que está volcada co deporte, e que presenta un calendario cheo de actividades de todo tipo, moi apertado, e cun altísimo nivel como é este caso», explicou o edil.