O alcalde garante que a nosa cidade presentará unha proposta “potente” para que Pontevedra se converta en Capital Española da Gastronomía 2023 e o seu director xeral, Pedro Palacios, asegura que estar aquí “é chegar ás portas do paraíso” gastronómico

94

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, garantiulle ao director xeral de Capital Española da Gastronomía (CEG), Pedro Palacios, que a nosa cidade presentará unha proposta “potente” para converterse en CEG 2023. Esta forte aposta e convencemento do rexedor municipal para conquistar dito galardón, impulsado pola Federación Española de Xornalistas e Escritores de Turismo, foille transmitida a Palacios no marco dunha recepción que tivo lugar esta mañá no Concello e na que tamén participaron a directora do proxecto Pontevedra Capital Gastro, Elena Vitoria, e a súa colaboradora Marga Pazos (ámbalas dúas responsables da firma Carta Blanca).

Pontevedra terá que presentar o seu proxecto antes do 1 de outubro, dándose a coñecer o nome da cidade gañadora o 18 de novembro. Tal e como sinalou Fernández Lores durante a comparecencia posterior ao encontro con Pedro Palacios, “a nosa cidade é un referente en moitas cousas, pero con toda a sinceridade e humildade, tamén o somos en gastronomía, en toda Galicia e especialmente nas Rías Baixas, por moitas razóns, comezando pola calidade das materias primas, a potencia da súa restauración, con Estrellas Michelin e co Grupo Nove, e unha tradición de moitos anos de comida tradicional”.


“A nosa experiencia na organización de importantes eventos deportivos internacionais dinos que a xente que vén a Pontevedra por ese motivo, repite, e un dos motivos polos que repite é porque temos unha altísima calidade de restauración, cun prezo máis razoable que outras localizacións. Calidade pois dos produtos, calidade dun sector que está a mellorar moitísimo, calidade do viños, e atractivo do clima das Rías Baixas e da provincia de Pontevedra en xeral. Ademais, se vés a Pontevedra a comer tamén tés moitas outras cousas que ver: o río Lérez, as praias, o Centro de Interpretación de Arte Rupestre de Campo Lameiro, o patrimonio do Románico e o Gótico…”, subliñou o alcalde.


Neste sentido, Fernández Lores asegurou que “hai motivos máis que suficientes” e que “nós imos facer un esforzo importante para presentar un proxecto potente e no que estará ben xustificado o por que nos deben conceder este título de CEG”, polo que “imos competir con dignidade e agardamos convencer ao xurado para que Pontevedra sexa Capital Gastronómica neste 2023”. “E se non -engadiu Lores- tentaremos facelo en 2024… Pero non queremos deixar ningunha dúbida para conseguilo xa en 2023”.


Unha candidatura que Yoya Blanco comezou a xestar en xaneiro en Fitur

Pedro Palacios afirmou que “para a xente á que nos gusta o ‘bo comer’, estar en Pontevedra e en Galicia é chegar ás portas do paraíso”, polo que “resulta incomprensible que, co ben que se come, se bebe e se está aquí, nos dez anos que levamos con este proxecto (Capital Española da Gastronomía naceu en 2010), nunca antes se tivese postulado unha cidade galega (só o fixera Santiago precisamente en 2010, pero, segundo Palacios, “de xeito testemuñal”)”. O director xeral de CEG explicou que as bases para a candidatura de Pontevedra comezaron a asentarse en xaneiro, na Feira Internacional de Turismo de Fitur 2022, e que “polo que comentamos coa concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco (impulsora da iniciativa) e o seu equipo estase a traballar moi a fondo”.


“De cara a 2023 haberá unha forte competencia. Por un lado está Pontevedra -avanzou Palacios-, que foi a primeira en postularse, pero tamén Cuenca, que xa foi candidata en dúas ocasións e non saíu elixida, Oviedo, Antequera e algunha outra cidade máis que nolo fixo saber de xeito informal. O proceso culminará o 18 de novembro coa elección da CEG 2023, que corre a cargo dun xurado multidisciplinar con expertos nos ámbitos do turismo, a hostalería, a cociña, desde o Instituto de Calidade Turística de España (Icte) pasando pola directora de Fitur a representantes do Ministerio de Agricultura e a Secretaría de Estado de Turismo… Este galardón outórgase a aquela cidade que máis ten destacado en empregar a gastronomía como atractivo turístico, no seu concepto máis amplo”.


Pedro Palacios aventúralle “un bo percorrido á candidatura de Pontevedra e tamén unha forte discusión por parte do xurado” e apuntou que a CEG “é a plataforma máis eficiente para a promoción da gastronomía en España”, cun programa de actividades que enche de contigo as diferentes estacións do ano.


Pola súa banda, Elena Vitoria salientou que “Pontevedra ten tódolos ingredientes para ser recoñecida como CEG” e asegurou que “imos poñer tódolos esforzos para facer un dossier atractivo, ben artellado, cos eventos que xa traballamos e con algunha outra sorpresa”, apostando por un “turismo desestacionalizado” e por “abrir as portas da cidade durante 12 meses para recibir a quen queira degustala”.