A musicoterapia enche de boa enerxía o Centro Socio Comunitario de Pontevedra da man do programa A Vida é Movernos

38

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, achegouse esta mañá ata o Centro Socio Comunitario de Pontevedra (na rúa Alameda) para saudar aos participantes nun novo taller de Musicoterapia impartido polo percusionista Pedro Campos, precursor da percuterapia en diversos países e experto en intelixencia emocional, no marco do programa municipal A Vida é Movernos. Empregando instrumentos como congas, timbais, bongos, maracas, batería ou o propio corpo, esta actividade emprega a música e os elementos musicais (como o son, o ritmo, a melodía e a harmonía) con finalidades terapéuticas, amosando o seus beneficios en ámbitos como a depresión, a ansiedade, a Síndrome de Down, o embarazo de risco, as enfermidades neurolóxicas, o autismo ou o TDAH (trastorno por déficit de atención e hiperactividade).


Os talleres de Musicoterapia, cos que se pretende mellorar o benestar mental e emocional a través da experimentación da música, provocando un equilibrio psicofísico, estanse a desenvolver ao longo deste mes con varias das asociacións socio sanitarias participantes na Feira da Saúde PonteSán. Está previsto que continúen mañá nas instalacións de Amencer-Aspace en Campolongo, desenvolvéndose sucesivas sesións entre os días 20 e 25 deste mes para os colectivos Boa Vida, Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e Xinecolóxico (Adicam), Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (Asearpo) e TDAH.