Máis de 110 particulares xa solicitaron mesa para a Feira Franca que mantén aberta a súa oficina no antigo Conservatorio

130

A programación de verán de Pontevedra continúa hoxe coa terceira xornada da Festa dos Libros instalada na praza da Ferraría.

Mañá retómase a romaría de San Bieito na praia fluvial do río Lérez, onde se ofrecerá a habitual mexilloada popular.

A oficina da Feira Franca pecha o vindeiro venres e recolleu até o de agora 50 solicitudes para participar no Mercado medieval e 28 autorizacións de hostalería para instalar veladores no centro histórico. 

A programación de Festas do verán non para! Mentres se suceden as últimas horas da Festa dos Libros na praza da Ferraría e xa se prepara a tradicional romaría de San Bieito que este ano volve á contorna da praia fluvial, a oficina da Feira Franca permanece aberta nos baixos do edificio municipal da rúa Alfonso XIII (antigo Conservatorio).

A Feira Franca volverá ás rúas do centro histórico da cidade na primeira fin de semana de setembro (venres día 2 e sábado día 3) baixo a temática do río Lérez e da Ponte do Burgo. Para montar mesas de xantares e ceas tanto particulares como hostalería e para participar no mercado medieval, é preciso inscribirse na oficina que o departamento de Festas, que dirixe Carme da Silva, ten habilitado no antigo Conservatorio.

O horario de atención ao público é de luns a venres de 10 a 14 horas. O prazo de inscrición está aberto dende o pasado 15 de xuño e rematará o vindeiro venres (15 de xullo).

Até o de agora o número de inscricións son 114 de mesas particulares; 50 solicitudes para montar un posto no mercado medieval e 28 autorizacións para montar veladores eses dous días no centro histórico.

Terceira xornada da Festa dos Libros

Mentres se retoma o pulso da Feira Franca, a programación de verán que comezou o pasado 23 de xuño co Surfing the Lérez, continúa hoxe coa terceira e última xornada da Festa dos Libros instalada dende o venres na praza da Ferraría.

Os postos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas estarán abertos de 11.00 a 14.00 h e de 18.00 a 22.30 h.

A Festa dos Libros está a programar actividades con máis de 80 autores e autoras e 89 propostas repartidas entre sinaturas de libros, presentacións, contacontos, charlas, mesas redondas, obradoiros ou actuacións musicais.

Romaría de San Bieito

A Concellaría de Festas tamén ten todo preparado para a xornada de mañá, cando despois de dous anos se recupera a tan agardada romaría de San Bieito na praia fluvial do Lérez e nas beiras do río.

Nesta xornada festiva en Pontevedra, ás 10.30 h está prevista o pasacalles dos Alegres dende o Concello até a praia fluvial. Ás 11.45 h actuarán os Gaiteiros das Rías Baixas e Os Alegres e ás 12.00 h. comezará a tradicional mexilloada popular, que se repartirá de balde para todas as persoas que se acheguen até os Salóns do Lérez.

Pola tarde, ás 17.30 h. Actuará o grupo Pandereteiras do Val de Quireza e Os Alegres e, finalmente, pola noite ás 22.00 h comezará a primeira verbena das festas de verán de Pontevedra. Será no adro do Mosteiro de Lérez coa orquestra Ritmo Joven.

Pódese consultar o resto da programación do verán en:

https://cultura.pontevedra.gal/festas/