Arranca o proxecto que completará o núcleo da Peralba en Marcón e que obriga a desviar a canle do río Reigosa

16

Actuación supera os 560.000 euros e prevé a pavimentación e acondicionamento da vía entre o cruzamento da PO-532 até o núcleo da Peralba, e reconstruír a ponte sobre o río Reigosa, unha demanda veciñal.

Nos últimos 3 anos, o Concello de Pontevedra investiu na Peralba case 890.000 euros en saneamento, iluminación, pavimentacións e na reforma da ponte sobre o río.

Esta actuación en Marcón está incluída dentro do macrocontrato do rural que supón un investimento de 2,4 millóns de euros en sete parroquias. 

O Concello de Pontevedra inicia o martes, 12 de xullo, o terceiro dos grandes contratos licitados neste ano nas parroquias do rural. Xunto a Mourente e Campañó, xa iniciados, súmase agora o proxecto para completar a reforma integral da Peralba, en Marcón, onde está previsto un investimento superior aos 560.000 euros.

Con este novo investimento actuarase dende o cruzamento da estrada PO-532 até o núcleo da Peralba, incluíndo a ponte sobre o río Reigosa. Arredor de 2 quilómetros nos que se pavimentará toda a vía fresando e saneando os tramos nos que se ten detectado “pel de crocodilo” (unha serie de fisuras interconectadas na superficie do pavimento), incorpórase recollida de pluviais, calmado de tráfico en toda a vía e bandas de protección de dobre onda.

O traballo de maior envergadura é a rehabilitación da ponte sobre o río Reigosa, unha demanda da veciñanza dende hai anos. Implica tanto traballos hidrolóxicos como un plan de tráfico para atender ao núcleo de poboación, que xeralmente se conecta a través desta ponte. As obras fanse no verán aproveitando que non existe o servizo de autobús escolar e porque o río leva menos auga.

A obra consiste en levantar toda a ponte. Para iso, primeiro, dividirase o río en dúas canles. Desviarase a totalidade da auga cara unha delas para poder traballar na outra, e cando remate ese lado, desviarase cara o outro para rematar a ponte.

O proxecto prevé un mes de traballos pero este prazo dependerá do tempo meteorolóxico e do estado da ponte unha vez que se poidan ver os seus alicerces sen auga.

Tamén supón o peche total da estrada PO-532 nese punto, por iso os veciños deberán acceder ao núcleo de Peralba a través da estrada cara os núcleos de Vilarchán, en Ponte Caldelas, ou do Salgueiral, en Bora.

O Concello fará un investimento de 564.248,34 euros para rematar a intervención no núcleo da Peralba.

Investimento global na Peralba

Nos últimos tres anos, o Concello de Pontevedra ten realizado o saneamento no lugar da Peralba cun investimento de 130.936,27 euros; o pavimentado do núcleo coa construción de rede de pluviais, que ascendeu a 163.993,45 euros, e a instalación de alumeado LED para mellorar a eficiencia enerxética e a visibilidade na zona, cun investimento de 30.512 euros. Polo tanto, sumando o proxecto que comeza o martes, o Concello de Pontevedra ten destinado á  Peralba  889.690,06 euros.

Macrocontrato de investimento no rural

O proxecto deste lugar de Marcón inclúese dentro dunha licitación máis grande que proxecta melloras en sete parroquias: 

  • Campañó (de Carballiños a Ferreiros). O proxecto xa está iniciado coa execución de muros de contención, reforzo dos mesmos e ampliación da calzada no lugar de Sabarís.
  • Mourente (do Pazo a Carabelos). O proxecto xa está iniciado polo lugar do Pazo con canalizacións de pluviais e a reparación de diferentes puntos así como as conexións das acometidas de auga ás vivendas que estaban aínda pendentes.
  • Marcón (na Peralba). O proxecto comeza o martes, 12 de xullo.
  • Lérez (no Ramallás)
  • Canicouva
  • Ponte Sampaio (no acceso a Cacheiro desde as Laceiras)
  • Lourizán (No Rial, A Meán e rúa Liñares)

Este macrocontrato está sendo executado pola empresa COVSA por  2.495.311,40 euros e un prazo de execución de dez meses. A licitación do proxecto foi de 3.065.493,12 euros.

Alberto Oubiña, coordinador do Rural, lembra “que este proxecto incrementa a cifra de investimento no rural, que neste mandato calculamos que superará os 100 millóns de euros. Desde o Concello cremos que estas obras son necesarias para incrementar a calidade de vida da veciñanza que reside no rural, e facer das parroquias espazos máis atractivos xa sexa para vivir ou traballar e desenvolver unha vida con normalidade».