Lisboa amosa o seu interese por visitar Pontevedra para implementar solucións urbanísticas semellantes

5

O tenente de alcalde Tino Fernández participou esta mañá no Congreso Urban Sport 4All sobre o uso do espazo público para a práctica deportiva. 

Mantivo contactos coa Concellaría de Urbanismo e coa Universidade de Lisboa que se interesaron por visitar Pontevedra para coñecer o modelo. 

O Concello de Pontevedra participou esta mañá no Congreso Urban Sport 4All que se desenvolveu no Forum de Lisboa organizado polo Concello e a Universidade de Lisboa. O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández impartiu unha conferencia de 20 minutos neste evento que abordaba as cidades con espazos públicos que convidan á práctica da actividade física e do deporte.  O responsable de Deportes recibiu os parabéns dos presentes, especialmente por parte do Concello e da Universidade de Lisboa que amosaron o seu interese de trasladarse a Pontevedra para coñecer o modelo.

Na súa intervención, o tenente de alcalde puxo en valor “as accións que leva realizando Pontevedra nos últimos 23 anos con avances en mobilidade, reducción drástica do tráfico de paso e de axitación, e quedando soamente co tráfico necesario”. Tamén indicou que “estas medidas non se poden tomar illadamente, senón que son transversais. Non se pode falar de conseguir espazos para a actividade física, senón liberar espazos para os cidadáns”.

Tamén insistiu en que este modelo só se conseguiu con “vontade política” e indicou que “a valentía de tomar decisións que poden parecer, inicialmente, impopulares pero o tempo amosa que son avaladas polos cidadáns, como demostra que a coalición leve gobernando 23 anos”.

Ao remate da súa intervención, o tenente de alcalde mantivo un encontro coa concelleira de Urbanismo de Lisboa, Joanna Almedia, que lle trasladou as felicitacións e anuncioulle que tanto ela como o seu equipo técnico tiñan interese de trasladarse a Pontevedra para visitala canto antes xa que “queren ver in situ como evoluciona o modelo, ao estar interesados en poñer en marcha medidas que estamos tomando en Pontevedra”.

Tamén recibiu os parabéns por parte dos responsables da Universidade de Lisboa, que se sumaron ao interese de visitar Pontevedra.

Tino Fernández asegura que “o prestixio de Pontevedra é evidente” xa que foi obxecto de mención no congreso en diversas ocasións, e asegura que “xa é unha marca que vende, que está moi consolidada no mundo como cidade referente en movilidade e en xestión do medio ambiente e de economía sostíbel”.