A Concellería de Benestar Animal impulsa unha provocadora e explícita campaña para instar á cidadanía a limpar os ouriños e facerse cargo das ‘cacatúas’ das súas mascotas

111
  • A iniciativa inclúe a distribución de 5.000 dispensadores de bolsas con forma de óso e de 3.000 botellas de auga

Lamentablemente, o incivismo dalgúns donos de mascotas fai que nos atopemos cada día con indesexables especies que invaden os nosos espazos públicos: son esas ‘cacatúas’ ibéricas comúns e silvestres que achamos ‘esquecidas’ de cando en vez en rúas, parques e zonas verdes. Co obxectivo de instar aos propietarios de cans a manter un comportamento hixiénico, facerse cargo da recollida destas ‘cacatúas’ e tamén de diluír con auga os ouriños que deixan nos seus paseos cotiáns, a Concellería de Benestar Animal, que dirixe o socialista Marcos Rey, acaba de poñer en marcha unha provocadora e explícita campaña de concienciación que xoga co significado deste termo (unha especie de papagaio), que ao converterse nun acrónimo ou palabra composta, vén a lembrarnos que ‘a caca da túa mascota é da túa propiedade’ e que as cousas que son propiedade de cada un non poden quedar no espazo público.


A proposta publicitaria traducirase na instalación de lonas de rúa e o reparto de flyers nos que aparecen unha serie de consellos para convivir coas ‘cacatúas’ e as obrigas que temos de recoller as deposicións cunha bolsiña e de botar auga con xabrón nos lugares nos que mexou a nosa mascota, lembrando que a única especie aceptable é a ‘cacatúa’ ibérica riquiña, é dicir, a que se recolle do chan, e que “se vostede non trata ben a súa ‘cacatúa’ facéndoa desaparecer, é posible que lle impoñan unha sanción que vai de 100 a 500 euros”. A campaña, desenvolvida en colaboración cos colectivos Os Palleiros e Ohana e o club DivertiCans no marco do programa ‘Bo cidadán canino, boa cidadá canina’, incluirá ademais a distribución de 5.000 dispensadores de bolsas recollecacas con forma de óso e de 3.000 botellas ‘non te desPIStes’ para portar a auga con xabrón nas saídas nas que levemos aos nosos cans a pasear e facer as súas necesidades. Neste sentido, instalarase un cubo publicitario nos diferentes lugares de reparto das bolsas e botellas.


A iniciativa foi presentada esta mañá nos xardíns de San Francisco nun acto no que o concelleiro Marcos Rey estivo acompañado por responsables das entidades colaboradoras, Gloria Cubas (Os Palleiros), Alba Rodríguez (Ohana) e Carlos Souto (DivertiCans), e por un pequeno convidado de catro patas, e no que se expuxeron as distintas creatividades e elementos que conforman a campaña. “Desenvolverase a través de varias actuacións ao longo deste mes de xullo. Comezaremos aquí este vindeiro venres, na Praza de Ourense, cunha entrega de porta bolsas e botellas na que contaremos coa presenza de Ohana e Os Palleiros e tamén de DivertiCans, para amosar como debemos educar aos nosos cans e que se pode conseguir con eles. O venres seguinte teremos un desfile de cans das protectoras do concello en Campolongo e o domingo 24 de xullo organizarase unha camiñada pola senda do Lérez con todos aqueles veciños e veciñas que se queiran achegar coas súas mascotas”, explicou o concelleiro socialista Marcos Rey.


O edil indicou que xa está a manter conversas coa Concellería de Protección Cidadá e coa Policía Local co obxectivo de que esta campaña de concienciación poida ir acompañada dunha certa vixilancia do cumprimento da normativa vixente. Neste sentido, Marcos Rey considera máis efectivo que “vaian de paisano, xa que temos comprobado que cando se achegan de uniforme, non resulta tan efectivo, posto que recollen as cacas polo feito de ver á Policía chegar”.

Cans con medo e sen socializar

Gloria Cubas, quen considera que este tipo de campañas son positivas “para que a xente se conciencie dunha vez de que ten que facerse responsable da recollida dos excrementos das súas mascotas”, asegurou que “a situación está un pouco complicada na protectora, xa que só na última quincena de xuño entraron 22 cans e estamos un pouco máis saturados do normal”. “Nestes momentos temos uns 85/90 cans, máis 25 en casas de acollida. Son cans que nos veñen sen socializar. Normalmente temos dous cans por canil, pero cos cans que veñen sen socializar, ata que se traballa con eles, precísase un único patio e non podemos meter moitos cans máis, porque levaría a pelexas e estrés do animal”, apuntou a responsable de Os Palleiros.


Alba Rodríguez aclarou que “se Os Palleiros teñen cans non socializados, nós temos cans con moito medo, o que significa que foron moi maltratados, e tamén moitos cachorros (Ohana coida nestes intres de 19 animais), e a pouca xente que nos está a vir non está concienciada de que un cachorro tamén precisa educación e pode ter problemas de maior”.


Carlos Souto afirmou que DivertiCans está tentando modificar esa idea de que “ter un can supón menos responsabilidades que ter un neno”, xa que “ter un can implica moitas obrigas e un can ten moitas necesidades e, se non as cubrimos, de aí veñen os problemas que temos nos parques de Pontevedra, nos que, xa non digo os nenos, senón mesmo os propietarios de cans regresamos a casa cos pés cheos de ‘cacatúas'”. Tal e como sinalou, “ter un can implica saír de casa cun porta bolsas, que é algo moi cómodo de levar, e a xente debe concienciarse de que posuír un can non é só sacalo a facer pis e caca na rúa, senón darlle atención, educación e unhas horas de actividade”.


Marcos Rey abre as portas a realizar un censo de ADN de cans para poder identificar as cacas


Marcos Rey incidiu na importancia de ‘educar’ á cidadanía tamén na limpeza de ouriños, xa que “é un problema nalgúns puntos da cidade, nos que podemos ver botellas de auga nos portais para evitar que os cans ouriñen”, e avanzou a súa intención de organizar un campionato autonómico de agility en agosto e de retomar os Cursos para a Boa Cidadanía Canina despois do verán. “Tamén está enriba da mesa -engadiu o socialista- esta alternativa de poder facer un censo de ADN de cans, o que abriría a posibilidade de realizar analíticas das cacas que se atopen na rúa e saber a que can pertence. Estamos traballando niso, que será un pouco máis complicado, xa que hai que mudar a ordenanza municipal para poder ter ese censo”.