A liña urbana de bus que conecta con Montecelo engadirá unha nova parada no lugar de Moldes

59
Na comisión de seguimento do convenio coa Xunta de Galicia celebrada esta mañá, a entidade autonómica viu con bos ollos a posibilidade de instalala e mellorar o servizo
O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, lembra que o obxectivo é seguir mellorando e estudando as liñas da cidade, co fin de lograr un funcionamento óptimo deste transporte 

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, confirmou esta mañá a intención de engadir unha nova parada de autobús para a liña que conecta a cidade con Montecelo. Este futuro punto será instalada no lugar de Moldes, no entronque entre a estrada de Pontecaldelas e a ronda Leste.

«Esta mañá foi celebrada unha comisión de seguimento do convenio coa Xunta de Galiza e, dentro dese compromiso que establecemos no seu día de estudar o funcionamento das novas liñas e así adaptadas ás necesidades dos usuarios, escoitamos a petición dos veciños desta zona da cidade para instalar unha nova parada neste punto, ao percibir demasiado afastadas as outras dúas paradas da zona», explicou Gómez. «Cremos que é unha solicitude do máis oportuna e a Xunta de Galiza tamén cre que debe ser atendida, polo que a partir de agora comezamos os trámites para a creación desta parada no período de tempo máis breve posíbel».

O edil lembra que a instalación dunha nova parada require un proceso administrativo concreto, así como a solicitude de diferentes autorizacións á hora de sinalar e habilitar de xeito oficial e legal este novo punto. 

Doutra banda, Gómez quixo sinalar que o vindeiro luns, 11 de xullo, San Bieito, todas as liñas funcionarán coma se fose domingo, ao ser festivo local en Pontevedra.