A Vida é Movernos levará os beneficios da musicoterapia ás asociacións socio sanitarias participantes en PonteSán a través dunha rolda de talleres que se desenvolverá ao longo deste mes e que impartirá o percusionista Pedro Campos

56

Mellorar o benestar mental e emocional a través da experimentación da música, provocando un equilibrio psicofísico, é o principal obxectivo dos talleres de Musicoterapia que o programa A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, desenvolverá ao longo deste mes con varias das asociacións socio sanitarias participantes na Feira da Saúde PonteSán. Empregando instrumentos como congas, timbais, bongos, maracas ou batería, o recoñecido percusionista Pedro Campos, precursor da percuterapia en diversos países e experto en intelixencia emocional, aplicará a música e os elementos musicais (como o son, o ritmo, a melodía e a harmonía) con finalidades terapéuticas, amosando o seus beneficios en ámbitos como a depresión, a ansiedade, a Síndrome de Down, o embarazo de risco, as enfermidades neurolóxicas, o autismo ou o TDAH (trastorno por déficit de atención e hiperactividade).


Facendo propias esas verbas pitagóricas que din que ‘A música é a medicina da alma’, os obradoiros darán comezo mañá, 5 de xullo, ás 12:00 horas, na sede de Down Pontevedra Xuntos, continuando o mércores 6 ás 11:30 horas no local da Asociación Española Contra o Cancro (Aecc); o xoves 7 ás 11:30 horas no da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (Asseii), e o venres 8 no de Amencer-Aspace (en Lourizán). A actividade chegará o día 12 de xullo ao Centro Socio Comunitario de Pontevedra e o Centro de Día da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afapo) e o 13 de xullo ás instalacións de Amencer-Aspace en Campolongo, desenvolvéndose sucesivas sesións entre os días 20 e 25 deste mes para os colectivos Boa Vida, Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e Xinecolóxico (Adicam), Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (Asearpo) e TDAH.


Os talleres, que foron presentados esta mañá no Concello nun acto no que participaron o propio Pedro Campos e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, terán carácter de balde e traballarán cuestións como a comunicación, as relacións, a aprendizaxe, o movemento, a expresión ou a organización. Entre os efectos positivos da musicoterapia inclúense o estímulo dos procesos motores e cognitivos, o fomento da creatividade, a mellora da neuroplasticidade e dos estados mentais positivos, o alivio de dores e malestares, a diminución da ansiedade e a tensión e o incremento da atención e das capacidades sensoriais.


Tal e como afirmou Tino Fernández, “comezamos o mes de xullo e, aproveitando este bo tempo e o verán, continuamos a movernos e a organizar actividades vencelladas coa saúde, pero tamén coa alegría, o sorriso e necesidade de volver atoparnos, abrazarnos e pasalo ben”. “A música ten unha compoñente de emoción positiva e alegría que fai que as nosas vidas sexan mellores. A música nos une, fai que compartamos cousas, que socialicemos e, sobre todo, que pasemos un acto divertido. Por este motivo, decidimos facer estes talleres de Musicoterapia, neste caso un pouco máis específicos, porque están dirixidos ás asociacións, fundamentalmente aquelas que participaron en PonteSán”, subliñou o edil socialista.


Tino Fernández amosou a súa satisfacción “con este tipo de actividades, xa que os obradoiros de Percuterapia están a funcionar moi ben, cun éxito incrible nas residencias de maiores de Pontevedra, onde de feito queren que repitamos”. Segundo apuntou o edil de Deportes, “Pedro Campos é un grandísimo profesional, que ten amosada a súa capacidade para conectar e empatizar con tódalas persoas e as asociacións están ávidas de actividades que lles permitan achegarse máis aos cidadáns e de abrir as súas portas a novos socios e a todos aqueles que o precisen”, polo que “estou convencido de que será un éxito”.


Campos explicou que “a musicoterapia é xa unha ciencia bastante antiga e a primeira carreira universitaria nesta materia, en Barcelona, data dos anos 70”, axudando a “previr enfermidades físicas e mentais”. “Estes talleres irán máis enfocados a entender como funciona a música nos nosos estados emocionais. A música -indicou o percusionista- vai directamente á emoción sen un pensamento previo e isto quere dicir que, segundo a música que escoites, así te sentes, e tamén segundo te sentes, escoitas un tipo de música. O que imos tentar nestes talleres é que, de xeito consciente, persoas con diferentes necesidades poidan empregar ferramentas para poder autoxestionar e autorrregular as emocións e o autocoñecemento. Ademais de pasalo ben, serán capaces de identificar as emocións que están sentindo segundo a música que están escoitando. A isto engadiremos que poidan tocar un instrumento musical o máis accesible posible”.