A maxia do fútbol a pé aterra mañá no Campo de Fútbol Manolo Barreiro coa celebración do 1º Torneo Concello de Pontevedra

153

O fútbol a pé continúa a asentarse en Pontevedra a paso de xigante. Trala boa acollida das xornadas de divulgación e visibilización organizadas no marco do programa A Vida é Movernos e a Feira da Saúde PonteSán, a Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, que dirixe o socialista Tino Fernández, decidiu dar un novo salto adiante na implantación desta disciplina coa organización do 1º Torneo Concello de Pontevedra.


O evento celebrarase mañá, sábado 2 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no Campo de Fútbol Manolo Barreiro I, e contará coa participación de equipos compostos por xogadores e xogadoras actualmente inscritos nas escolas de fútbol a pé de Cangas e Mos e por todos aqueles veciños e veciñas de Pontevedra que se animen a participar (a inscrición é gratuíta e os equipos mixtos). O torneo foi presentado esta mañá no Concello nunha comparecencia que contou coa presenza dos seus organizadores, José María Rial e Manolo Núñez, e do propio Tino Fernández, quen sinalou que “o fútbol a pé é un fútbol diferente, apto para tódalas idades, inclusivo, tanto no que se refire ás posibilidades de exercicio físico de cada persoa como no que se refire ao xénero, porque os equipos son mixtos, e que permite realizar exercicio ao tempo que un o pasa ben e bota unhas risas”.


“O fútbol a pé -subliñou o socialista- está a ter un crecemento moi importante en todo o Estado e en Galicia tamén, onde conta co respaldo da Federación Galega de Fútbol e coa participación de moitos xogadores célebres en equipos doutros tempos. A resposta que tivemos coas primeiras xornadas na rúa foi tan positiva que decidimos organizar este torneo nun campo de herba sintética, neste caso no Manolo Barreiro I, para que a xente se anime a velo e practicalo… Se alguén quere rir un pouco por alí andará tamén o concelleiro facendo o que poida”.


Tino Fernández apuntou que “A Vida é Movernos é un proxecto plural, que permite a celebración de eventos e propostas de moi distinto ámbito e nivel, pero cun obxectivo común, que é o de pasalo ben: buscamos elementos que nos permitan arrincar un sorriso, empatizar, socializar, saír da casa…”. “Non se trata de xogar ben ou mal, senón de pasalo ben. Aquí hai mulleres, maiores, mozos, mozas… O que se busca é que pasen un rato divertido. Animo a todo o mundo a que mañá se achegue ata o Manolo Barreiro”, asegurou o concelleiro.


José María Rial afirmou que “xa cando tivemos as primeiras conversas co Concello, pensamos que o noso proxecto encaixaba en A Vida é Movernos como anel ao dedo, posto que todo o que dixo Tino é a filosofía desta alternativa de lecer, deporte e saúde, que pode resumirse en pasalo ben e facerllo pasar ben aos demais”. “Vimos dun período de tempo no que tivemos moitas carencias no que atinxe a socialización -engadiu Rial-, agora volvemos a poder desenvolver algunhas actividades con total normalidade e pensamos que agora é o momento idóneo para expandir esta actividade”. 


O evento foi pensado para a participación de oito equipos, divididos en dous grupos (A+B). Cada equipo estará conformado por 8 xogadores/as (xogarán 6) e cada partido terá unha duración total de 18 minutos, a tempo corrido.
A elaboración dos detalles que se van entregar foron elaborados no taller ocupacional da Asociación Juan XXIII.