Yoya Blanco e Marcos Rey reciben no Mercado de Abastos a medio centenar de nenos e nenas participantes no PonteCampus 2022 do Pontevedra CF

221
  • A concelleira de Turismo anuncia que Visit Pontevedra retomará as visitas teatralizadas a partir do 15 de xullo e que xa se poden reservar prazas para participar nestes roteiros nocturnos

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegouse esta mañá ata o Mercado de Abastos acompañada polo edil de Benestar Social, Marcos Rey, para recibir aos nenos e nenas participantes nas visitas turísticas guiadas organizadas no marco do PonteCampus 2022 do Pontevedra CF. O grupo de rapaces, conformado por medio centenar de pequenos con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, recibiu como agasallo un pack conformado por mochilas vermellas de Promoción Económica e gorras de O Mercado que os propios socialistas lles entregaron antes de iniciar un roteiro polo centro histórico da man das guías do Concello de Pontevedra.


Coincidindo con esta actividade, Yoya Blanco anunciou que “Turismo de Pontevedra retomará a mediados deste mes as súas visitas teatralizadas, nas que os participantes terán ocasión de embarcarse nunha divertida viaxe por unha parte da historia real e imaxinaria da Pontevedra medieval e renacentista, en compañía de personaxes doutras épocas e doutros mundos que lles descubrirán os segredos da Boa Vila”. “Todas aquelas persoas interesadas en asistir, xa poden reservar a súa praza a través da páxina web de Visit Pontevedra (https://www.visit-pontevedra.com/visitas-guiadas/visitas-teatralizadas/) para os días 15, 16, 17, 22, 23, 24, 25, 28, 29 e 31 de xullo. As visitas teatralizadas serán nocturnas, partirán ás 22:00 horas desde detrás da Casa Consistorial e terán unha duración dunha hora e 30 minutos. O prezo destes tours é de 8 euros por persoa, con tarifa reducida (5 euros) para parados, estudantes, xubilados, pontevedreses e familias numerosas e gratuidade para nenos e nenas ata 12 anos”, explicou a edil do PSOE.


Ao longo do percorrido, no que as persoas participantes serán conducidas por varios personaxes a xeito de guías polas rúas e prazas do contorno da Praza de España e a Basílica de Santa María (a cargo da compañía Migallas Teatro), evocaranse feitos e personaxes históricos coñecidos, como o ‘Fiel Contraste’, Alonso de Fonseca, Tristán de Montenegro, Pedro Madruga, Paio Gómez Chariño, Xoán Nobre, Cornelis de Holanda… Tamén merecerán unha lembranza especial os homes e mulleres anónimos que habitaron esta vila e o seu contorno ao longo dos séculos, mediante a recreación de escenas da vida cotiá.